CULTURA
As “Saudades” de Loli Crespo, o coro da OSG e a homenaxe a Paco Fernández compoñen a oferta musical da fin de semana A oferta cultural da fin de semana previa á ponte da Constitución inclúe tres interesantes propostas musicais. A soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo actúan o sábado no Auditorio, mentres que o domingo poderá elixirse entre dúas opcións: o concerto de coros que organiza Cáritas no Auditorio en homenaxe a Paco Fernández ou a actuación do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, na igrexa de Vista Alegre.
03.12.2021.- A primeira cita musical da fin de semana será a que protagonicen mañá, sábado, Loli Crespo e Alejo Amoedo ás 20.00 horas no Auditorio para presentar en concerto os temas do seu disco “Saudades d’alborada” interpretando baladas e pezas de zarzuelas galega. A entrada é libre de balde ata completar aforo.
A primeira proposta do domingo terá lugar ás 19.00 horas no Auditorio e será a homenaxe musical ao que fora presidente de Cáritas Interparroquial de Arousa, Paco Fernández. O tradicional concerto de Nadal da organización social dedícase este ano a quen foi un dos seus principais valores durante anos e unha persoa moi querida en toda a comarca. Intervirán no festival o coro infantil e xuvenil ADCFILM, de Vilagarcía, a Orquestra de Pulso e Púa Arousa, Axupen de O Grove, as Cantareiras Madialeva e As Lembranzas, que presentan “Gaela”. A entrada é libre e de balde, e as persoas que o desexen poderán colaborar co fin social de Cáritas cun donativo á vontade.
Media hora máis tarde, ás 19,30 horas, está previsto o concerto que o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e o Grupo Instrumental ofrecerán na igrexa de San Cristobo, en Vista Alegre, unha ocasión moi especial para poder escoitar a esta importante formación musical que para a ocasión interpretarán o motete de Johan Sebastian Bach, “Jesu Meine Freude” BWV 227. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.