CONCELLO
O Concello licita por 309.426 euros a construción do novo skatepark do Cavadelo O Concello de Vilagarcía vén de iniciar o proceso de licitación da obra de Remodelación do Parque Urbano do Cavadelo mediante o anuncio de apertura do prazo de presentación de ofertas pendurado na plataforma pública de contratación. O proxecto, presentado no mes de xaneiro e que se licita por 309.426 euros (IVE incluído), ten dous obxectivos fundamentais: adaptar este céntrico espazo á estética e requirimentos do século XXI e convertelo nunha gran área de encontro e convivencia entre os deportes urbanos e a cidadanía. As empresas interesadas dispoñen de prazo ata o 8 de xuño para presentar as súas propostas. Unha vez adxudicado e asinado o contrato, a adxudicataria disporá do prazo de 5 meses para executar a actuación.
19.05.2022.- O proxecto da reforma do parque urbano do Cavadelo foi redactado polos arquitectos Javier Segura e Andrea Gesteiro, ámbolos dous con experiencia no deseño deste tipo de infraestruturas dedicadas aos deportes urbanos, xa que un deles incluso os practica. Ademais, para elaborar a proposta vilagarciá consultaron previamente cos usuarios do propio parque, a efectos de coñecer as súas necesidades e opinións e recollelas no proxecto.
Disciplinas como o skate, o parkour, o break dance e o BMX poderán practicarse nunhas instalacións perfectamente equipadas e seguras nun parque no que se manterán as canchas de baloncesto e gañarán peso as zonas verdes e os espazos de recreo para que a cidadanía poida gozar delas á vez que achegarse a coñecer estes deportes.
Para evitar o que acontecía ata o de agora, que a cidadanía esquivaba o Cadavelo para acceder ás zonas de paseo do Centenario ou ao peirao de pasaxeiros, realizáronse estudos de circulación para favorecer que os peóns entren no novo parque, tanto para estar nel, como para acceder a eses outros espazos de esparexemento. Debido aos corredores de tránsito que se abrirán polo parque para acadar este obxectivo, as canchas de baloncesto desprazaranse un pouco respecto ao emprazamento actual.
Equipamentos específicos para cada disciplina
Cada disciplina contará cunha área propia para a súa práctica, dotada de equipamentos e infraestruturas específicas, que terán en común que se abrirán cara o centro do parque para favorecer a comunicación e interacción social entre practicantes das distintas modalidades e tamén entre o público e os transeúntes. Os arquitectos tamén tiveron en conta os materiais a utilizar en cada unha destas áreas deportivas, optando polos máis axeitados para a súa práctica.
A Zona Skate Park contará con equipamentos como o Quarter piper curvo e en esquina, manualera con varanda, wallride con slappy, caixón, conxuntos de meseta e kickers, plano inclinado a dúas alturas e varanda. A Zona Parkour terá muros verticais e inclinados, bancos variables, columnas, varandas en altura e ramplas. Ademais, mantéñense as canchas de basket e habilítase unha Zona Break Dance.
Integrado na gran transformación da Mariña
Ademais de reparar un espazo público que se atopaba moi degradado polo paso do tempo (o parque conta con máis de 20 anos) e de atender á petición que realizaban os practicantes dos deportes urbanos, o goberno local tamén apostou por esta ambiciosa reforma do Cavadelo para continuar coa gran transformación que vai a sufrir en pouco tempo esta zona da liña costeira de Vilagarcía, que xa se iniciou coa rehabilitación da Casa do Mar e que continuará en breve coa construción do novo centro de saúde no solar da antiga Comandancia e coa creación da gran área de esparexemento do Ramal. Ademais, o executivo que preside Alberto Varela tamén ten previsto realizar outras melloras no Parque do Centenario.
O Concello financiará esta obra con fondos propios xa habilitados para esta obra en concreto máis coa subvención concedida con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación.