CONCELLO
O goberno contrata a redacción do proxecto técnico para construír un pump track na Florida O goberno local de Vilagarcía segue atendendo as peticións realizadas polos distintos colectivos e asociacións veciñais da cidade. Uns días despois de sacar a licitación a construción do novo skate park do Cavadelo, agora inícianse os trámites para habilitar un pump track na Florida. A Xunta de Goberno Local aprobará na reunión do martes (o luns é festivo local) adxudicar á firma de Arteixo, Moves, Servicios de Ocio e Deporte, a redacción do proxecto técnico desta nova instalación deportiva por importe de 3.035 euros. Unha vez se conte co proxecto, coñecerase o importe da obra a realizar e buscaranse os fondos necesarios para acometer a actuación.
21.05.2022.- O pump track emprazarase no lugar que ocupa o vello circuíto BMX situado nas inmediacións do parque da Coca e que se atopa bastante deteriorado e obsoleto, razón pola cal os veciños da zona e afeccionados a este tipo de deportes, solicitaron a habilitación da nova instalación. A renovación da infraestrutura deportiva permitirá ampliar o seu uso, inicialmente para bicicletas, a outros vehículos de rodas non motorizados, como patíns, patinetes, monopatíns ous skates.
Un pump track é un circuíto pechado de asfalto, terra ou madeira que conta con curvas peraltadas, montículos ou badéns nos que os usuarios deben “bombear” cos seus vehículos para aproveitar o seu propio impulso e as inercias que se xeran coas pendentes para realizar diferentes saltos e acrobacias.