FESTAS
As mangueiras desaparecen da Festa da Auga, que recupera a súa esencia a base de caldeirazos, sulfatadoras e tiros de pistola A Festa da Auga volve a Vilagarcía tras dous anos de espera debido ás restricións impostas pola pandemia que impediron a celebración de actos multitudinarios nese tempo. O retorno no multitudinario evento traerá aparelladas algunhas novidades co obxecto de recuperar a esencia da festa que naceu de forma espontánea a finais dos anos 70, e para darlle un plus de sostibilidade, especialmente neste verán de seca. Por iso desaparecen da festa as mangueiras, que se abastecían das bocas de incendios, en favor dos caldeirazos dende balcóns e os tiros de pistola, sulfatadoras, globos e outros artefactos a pé de rúa.
09.08.2022.- A concelleira de Cultura e Festas, Sonia Outón, e Iria Camba, da comisión veciñal “Auga que non has beber”, compareceron este mediodía para explicar as condicións nas que se desenvolverá a esperada Festa da Auga e as razóns que levan a efectuar estes cambios. “Estes dous anos sen festa deron tempo para repensala, e agora que volvemos a celebrala, é o mellor momento para adaptala ás novas circunstancias”, apuntou a edil. Camba engadiu que “nós sempre cremos necesario que a festa volvese as súas orixes, onde só había xente mollando a xente, usando caldeiros, sulfatadoras, pistolas de auga… Este ano queremos recuperar esa esencia e tamén o aspecto interxeneracional coa que naceu a Festa da Auga, onde familias enteiras, maiores e cativos, ían xuntos a mollarse e a ser mollados”.
Con este xiro, Concello e comisión tamén queren potenciar a participación dos veciños que non asisten de forma directa á Festa da Auga, a de todos aqueles residentes nas rúas da Zona Húmida que non viven a celebración en terra, pero que poden participar na batalla de auga coa artillería aérea que supón o lanzamento de baldes de auga cos que mollar ás tropas de infantería dende os seus balcóns.
A supresión das plataformas dende as que se lanzaba auga ao público na Praza de Galicia e en Conde Vallellano a través das mangueiras conectadas á rede de abastecemento suporá un aforro notable do consumo de auga durante as algo máis de tres horas que permanecían en funcionamento (dende ás 12.15 ás 15.30 horas aproximadamente).
Incidindo nos criterios de sostibilidade, permanecerán baleiros os vasos das fontes ornamentais (xa o estaban dende hai semanas), pero, para que ninguén quede seco e sen provisión, quedarán prendidos os surtidores da Praza da Independencia (situada na Zona Húmida), así como as fontes de premedor (que controlan mellor o gasto de auga), co obxecto de que os participantes na festa poidan recargar pistolas, sulfatadoras, globos e todo tipo de armamento que se lles ocorra utilizar para o “combate corpo a corpo”.
O deste ano non será o único cambio que nestes algo máis de 40 anos de historia sofre a Festa da Auga. Despois de que nos anos 90 se incorporasen os camións cisterna dos corpos de Emerxencias e Protección Civil para regar aos participantes na Festa da Auga, en 2006 e como consecuencia da vaga de incendios daquel ano, decidiuse prescindir destes elementos reservando os vehículos para posibles situacións de emerxencia. A medida mantívose dende entón sen excepción. Para suplir esta carencia, instaláranse plataformas con mangueiras conectadas ás bocas de incendios da rede pública. Son estas ás que agora tamén se eliminan para cumprir os obxectivos dunha festa máis sostible e respectuosa coa súa propia esencia.
Nin dende o Concello nin dende a comisión veciñal se pensa que este cambio vaia afectar á celebración da festa, xa que así foi como naceu e como foi medrando ano tras ano ata converterse nun dos eventos máis multitudinarios de Galicia e con maior repercusión a nivel nacional.
Tanto Outón como Camba aseguraron que “o divertimento e as molladuras están garantidas” na Festa da Auga que, como manda a tradición, dará comezo sobre as 12.15 horas do 16 de agosto, despois do traslado da imaxe de San Roque dende a igrexa parroquial ata a capela, e unha vez que o pregoeiro da festa lance o primeiro caldeirazo á multitude ao berro de “Auga vai!”.