EMPREGO
O Concello de Vilagarcía proxecta a contratación temporal de 30 traballadores a través do Plan Provincial de Emprego O Concello de Vilagarcía volve a concorrer este ano ás axudas convocadas pola Deputación Provincial de Pontevedra a través da liña 3 do Plan Concellos para a posta en marcha medidas destinadas a promover a contratación de persoas desempregadas. Nesta ocasión, Vilagarcía demanda unha axuda para financiar o proxecto co que dar ocupación en diferentes servizos municipais a 30 persoas que traballarían a xornada completa por períodos de 9 e 10 meses, dependendo dos casos.
06.12.2022.- Este novo plan de emprego ten un custe de 484.547 euros para cuxo financiamento Vilagarcía xa solicitou á Deputación unha subvención de 285.948 euros, á que o Concello sumará 198.598 euros máis de fondos propios.
Vinte e un dos traballadores terán un contrato a xornada completa por un período de 10 meses e os nove restantes, por prazo de 9 meses. Demandaranse:
3 peóns pintores/empapeladores 4 peóns instaladores electricistas 12 peóns axudantes albaneis 1 peón fontaneiro 8 peóns para a conservación de parques urbanos, xardíns históricos e botánicos 1 peón condutor operador de retroescavadora 1 peón axudante mantedor de instalacións deportivas.
O persoal distribuirase entre diferentes servizos municipais como apoio aos empregados públicos destes departamentos e para a realización de tarefas extraordinarias. No apartado de pintura e sinalización viaria levarán a cabo traballos de pintado especial de determinadas instalacións municipais e tamén traballos extraordinarios de sinalización viaria conforme aos cambios de usos ou condicións sufridos en determinadas vías para axustalas á normativa correspondente de circulación e seguridade viaria.
No apartado de eficiencia enerxética, os novos traballadores dedicaranse a implementar os cambios e reforma dos sistemas de iluminación que se están a levar a cabo baixo criterios de aforro e eficiencia enerxética, a instalar lámpadas led e á execución de modificacións nos sistemas de bombeos das redes de saneamento.
O grupo destinado á conservación, rehabilitación e acondicionamento de infraestruturas municipais dedicarase á reparación urxente de deficiencias na rede de saneamento municipal, á realización de obras extraordinarias de accesibilidade no casco urbano e ao arranxo de estragos causados polas inclemencias climatolóxicas en rúas do municipio.
Os traballadores a contratar para a Recuperación e mellora de parques, xardíns e zonas naturais dedicaranse, entre outras labores, a repoñer arboreda nas zonas afectadas polas inclemencias meteorolóxicas, ao acondicionamento das vías de acceso ás parroquias do rural e da periferia, á recuperación de rutas e sendeiros en contornas naturais, á realización de traballos de recuperación e prevención de vagas en zonas axardinadas e á reposición de mobiliario urbano estragado por actos vandálicos.
Por último, un dos peóns a contratar colaborará no control de entrada e aforos de eventos deportivos especiais, ao mantemento dos elementos extraordinarios de sinalización e seguridade nas instalacións deportivas.
Inicio a mediados de febreiro
Unha vez tramitada a solicitude, o Concello deberá esperar a que o organismo provincial resolva a convocatoria das axudas e comunique a concesión das mesmas. Será entón cando se poida poñer en marcha a selección do persoal, proceso que se realizará a través do Servizo Público de Emprego (o antigo INEM) no que os interesados deberán estar inscritos nas súas listas de demandantes de emprego, reunir os requisitos especificados na convocatoria e no perfil dos postos de traballo ofertados.
Terán prioridade á hora da selección ás vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33%, familias monoparentais con fillos ao cargo, persoas cos niveis de renda máis baixa e persoas con cargas familiares.
A previsión do Concello e desenvolver o proceso a finais de xaneiro ou principios de febreiro co obxectivo de comezar a executar o plan de emprego o día 13 de febreiro.