EMPREGO
O Concello volve a contratar a brigada de BATA no marco das políticas municipais de inclusión sociolaboral A Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía aprobou esta mañá renovar a colaboración que mantén con BATA no marco das políticas municipais de inclusión sociolaboral das persoas con diversidade funcional. A entidade dedicada á atención de persoas con autismo e outros trastornos do espectro autista volverá a poñer a disposición do Concello unha brigada de traballadores que colaborará cos servizos municipais de Xardíns e de Medio Ambiente na realización de tarefas de mantemento, conservación e limpeza de espazos naturais de uso público. O contrato ten unha duración de un ano e un custe de 9.600 euros.
16.01.2023.- O contrato formalízase a través da sociedade BATA- Servizos Integrales a la Comunidad e consistirá na prestación de unha xornada laboral á semana a cargo dunha brigada composta por tres persoas con autismo ou outra discapacidade intelectual, máis un encargado e un preparador laboral da propia asociación, que apoiarán aos usuarios da asociación no desempeño das súas funcións. Traballarán de forma integrada cos operarios municipais dos servizos de Xardíns e medio Ambiente para formarse como peóns forestais ou de xardinería e ir adquirindo práctica laboral mediante a realización de traballos prácticos supervisados polo persoal municipal.
A colaboración do Concello de Vilagarcía con BATA para a posta en marcha desta brigada é unha iniciativa que se ven realizando anualmente dende hai xa 16 anos e que se desenvolve a través das áreas de Igualdade e Benestar e de Medio Ambiente que cofinancian o programa