COMERCIO E INDUSTRIA
O Concello lanza o primeiro número da revista dixital para promocionar e dinamizar a Praza de Abastos Os usuarios e clientes da Praza de Abastos de Vilagarcía, así como aquelas persoas que aínda non o son, dispoñen a partir desta semana dunha revista dixital exclusivamente dedicada a dar a coñecer os servizos do mercado público, aos seus vendedores e a enorme lista de produtos de proximidade e de excelente calidade que nel se ofertan. A publicación “Praza de Abastos. Con todo o sabor, con todo o saber”, forma parte da campaña de comunicación online posta en marcha pola Concellería de promoción Económica e Mercados co obxectivo de achegar os servizos e produtos da praza a novos públicos e captar nova clientela entre os sectores da poboación de menor idade, que son os que frecuentan menos os mercados públicos e utilizan máis as tecnoloxías dixitais tanto para informarse como para realizar compras.
20.02.2023.- A publicación desta revista forma parte da campaña de comunicación online para a Praza de Abastos enmarcada no programa “Vilagarcía Viva”, deseñado polo departamento que dirixe Alba Briones para dinamizar o comercio de proximidade e que obtivo financiamento europeo a través dos fondos Next Generation. Esta medida en concreto corresponde á liña relativa á transformación dixital, de aí que a campaña se centre na promoción online. Por iso a revista edítase en formato dixital e é accesible a través dun código QR que permite descargala en Pdf no telefono móbil.
O primeiro número dedícalle a portada ao programa municipal “Segunda Volta”, organizado o ano pasado pola Concellería de Mercados para potenciar a cociña de aproveitamento e que correu da man do cociñeiro Xoanqui Ameixeiras. Xa no interior atopamos “Os rostros do mercado”, pequenas fichas nas que se presenta aos praceiros do mercado de Vilagarcía e os produtos que vende cada un deles; “As verduras de tempada” que, procedentes das hortas e zonas de cultivo de Vilagarcía e a súa contorna, se poden mercar estes meses na Praza; as propiedades de “Superalimentos” como o mexillón, ou os beneficios nutricionais dos cítricos. No apartado de receitas a elaborar cos produtos da Praza de A bastos ofrécese unha proposta de ensalada de fabas, ventresca e mexillóns realizada por Xoanqui e na sección de tempada, “Imprescindibles de Entroido”, fálase do lacón con grelos, as orellas e as filloas.
A publicación terá unha periodicidade trimestral ata finais de ano. A campaña estase a anunciar a través das redes sociais e da web do Concello de Vilagarcía, así como a través de cartelería colocada na propia Praza de Abastos. A modo de apio, cada número online contará co apoio dunha publicación en formato físico que se distribuirá na propia Praza como complemento á difusión dixital.
O Concello de Vilagarcía inviste nesta iniciativa 12.450 euros que se financian a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado e participado dos fondos europeos Next Generation.