CULTURA
O New Millennium International Chamber Musical Festival arranca coa formación a 40 erasmus chegados de diversos países O New Millennium International Chamber Musical, o festival de música clásica que se desenvolve en Vilagarcía do 3 ao 7 de abril, arranca este luns co programa formativo no que recoñecidos músicos e intérpretes de prestixio internacional impartirán masterclasses a 40 estudantes bolsados polo programa Erasmus+ chegados de distintos lugares do mundo e que compartirán a experiencia con alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía. O festival organizado pola Sociedade Filarmónica de Vilagarcía comparte sede coas cidades de Sofía, Viena e Budapest e inclúe a celebración de catro concertos ao longo desta semana, tres dos cales son abertos ao público.
31.03.2023.- Vilagarcia converterase esta Semana Santa na capital da música de cámara de todo o país grazas a este evento promovido pola SFV, financiado polos fondos europeos do Erasmus+ e unha achega da SFV e no que o Concello de Vilagarcía colabora poñendo a disposición as instalacións culturais e dando difusión ao festival. O certame, creado e dirixido pola recoñecida violinista norteamericana, Miranda Liu, contará coa participación dun equipo composto por oito músicos que xa contan cunha relevante traxectoria en formacións de todo o mundo, con moitos premios no seu haber e cun gran recoñecemento internacional. Eles serán os encargados de impartir a formación ao alumnado e de ofrecer, ben sós ou xunto dos erasmus, os concertos dos que poderán gozar os vilagarciáns. A lista destes artistas principais a encabeza a propia Miranda Liu e complétase no apartado de violín coa participación de Vlad Stanculeasa. Mathiu Herzog e a galega Inés Picado compoñen o dúo de viola e Kyril Zlotnikov aporta o cello. A frauta soará grazas ao virtuosismo de Adriana Ferreira e o clarinete do galego Darío Mariño. Por último, Georgy Tchaidze sentarase fronte ao piano. O programa formativo do New Millennium desenvolverase de luns a venres mediante a impartición de clases, masterclasses e workshops. E as actividades ampliaranse coas actuacións para que todos os vilagarciáns poidamos afondar e gozar da música de cámara. O concerto inaugural celebrarase o mércores 5 de abril no Auditorio con entrada de balde. O pazo de Rubiáns acolle o xoves 6 a actuación do cuarteto Atenea. Neste caso o aforo ofrecerase un aperitivo polo que se estableceu unha entrada a 26 euros. O salón García será o escenario do concerto do venres 7, con entrega de balde e o programa pecharase ese meso día cun concerto no Pazo Castriño exclusivo para socios da SFV.
A colaboración que a Sociedade Filarmónica mantén habitualmente co Conservatorio Profesional de Vilagarcía para facilitar a asistencia do alumnado aos concentos da súa programación, repetirase caso do New Millenium xa que, aparte de proporcionarlles a ocasión de participar nas actividades formativas, tamén se reservan 30 entradas para os alumnos e alumnas do centro municipal.
Calendario de concertos
- Mércores 5 Abril 2023 . 20:30 h • Auditorio Municipal. Entrada gratuíta. Ludwig van Beethoven: Sonata para violín e piano en Sol maior nº 10,Op 96 Miranda Liu, violín. GeorgyTchaidze, piano
Johannes Brahms: Cuarteto con piano en sol menor nº 1 Op, 25
- Xoves 6 Abril 2023. 20:30h. Pazo de Rubians. Entrada:26€ (ESGOTADAS) Apertura de portas ás 19:30 para visitar os xardíns do pazo. Ao finalizar o concerto degustación de viño albariño Pazo de Rubianes.
Benjamin Britten: 3 divertimenti para cuarteto de corda Cuarteto Atenea Alberto Ginastera: Impresións de Puna para frauta e cordas Adriana Ferreira, frauta e novos artistas do NMICMF Wolfgang Amadeus Mozart: Quinteto para clarinete e cordas en La maior, K581 Dario Mariño, clarinete. Miranda Liu, violín I. Vlad Stanculeasa, violín II Mathieu Herzog, viola. Kyril Zlotnikov, cello.
- Venres 7 Abril 2023. 12:30 h. Salón García Entrada gratuita. Franz Joseph Haydn: Cuarteto op 76 nº 3 "Emperador" QuatuorWassily
Andrzej Panuflik: Cuarteto nº 3 "Wycinanki" PraskiQuartet
Felix Mendelssohn-Bartholdy: Cuarteto nº 2 na menor Op. 13. Cuarteto Atenea
- Venres 7 Abril 2023. 20:30 h. Pazo do Castriño.Concerto exclusivo socios SFV
Ludwig van Beethoven: Serenata para frauta, violín e viola en Re maior, Op. 25 Adriana Ferreira, frauta. Miranda Liu, violín. Inés Picado, viola.
Piotr Ilich Tchaikovsky: Souvenir de Florence Op. 70 Vlad Stanculeasa, violín I. Miranda Liu, violín II. Mathieu Herzog, viola I. Inés Picado, viola II. Kyril Zlotnikov, cello I. TatsukiSasanuma, cello II.
Adrés Gaos: Impresión nocturna para cordas NMICMF Ensemble. Miranda Liu, directora artística.