CONCELLO
O alcalde decreta dous días de loito oficial polo falecemento do concelleiro Antonio Carballo O alcalde, Tomás Fole, vén de decretar dous días de loito oficial polo falecemento do concelleiro Antonio Carballo Brianes. A inesperada morte do edil de Medio Rural foi coñecida esta mesma mañá polos seus compañeiros do grupo de goberno, ao pouco tempo de terse iniciado a xornada laboral. A noticia provocou unha fonda consternación nos membros do goberno local que suspenderon todos os actos da axenda oficial durante as xornadas de loito. As bandeiras do Concello ondearán a media asta e lucirán crespóns negros.
11. 03. 2013.- Carballo comezou a encontrarse mal o venres, razón pola cal dou aviso de que non ía acudir á reunión da Xunta de Goberno Local. Tras realizarlle varias probas no Hospital, finalmente o edil foi ingresado o sábado, aínda que nada facía sospeitar o fatal desenlace.
O alcalde trasladou á familia e achegados de Carballo as súas condolencias e as da Corporación Municipal, amosando a súa solidariedade de xeito especial á súa viúva, fillos e netos nestes duros momentos de dor.
Antonio Carballo Brianes naceu no ano 1945. Veciño de Sobradelo, iniciouse na política no seo do Partido Popular, formación coa que foi concelleiro durante o mandato 1995-1999 (dimitiu do cargo en novembro de 1998).Tras pasarse ás filas de IVIL, Carballo regresou ao PP integrando a lista encabezada por Tomás Fole nas eleccións de 2011. Dende entón asumía a responsabilidade na Área de Medio Rural e encargábase das relacións coas asociacións e colectivos.
O sepelio celebrarase mañá martes, ás 17:00 horas, na igrexa parroquial de Sobradelo.