CONCELLO
Os servizos técnicos da Xunta avalían o proxecto da escola infantil de Vilaxoán As concelleiras de Benestar, Tania García, e Urbanismo, Paola María, reuníronse esta mañá en Santiago coa directora Xeral de Familia da Xunta co obxecto de reiterar a solicitude de inclusión na rede autonómica da escola infantil que o Concello construirá este mesmo ano en Vilaxoán. Como paso previo, os servizos técnicos da Xunta teñen que informar favorablemente o proxecto redactado polo Concello e que hoxe mesmo estiveron avaliando os técnicos da Consellería xunto co arquitecto municipal e as concelleiras.
02.02.2017.- A reunión de hoxe foi máis ben de carácter técnico e serviu para explicar o proxecto, que o Concello xa remitira á Consellería xa hai meses, e precisar os aspectos que os técnicos da Xunta consideran que deben cumprir as garderías que forman parte da rede autonómica. En principio, os técnicos fixeron algunha indicación a ter en conta, pero non detectaron ningún inconvinte polo que, agora deberán redactar o informe.
Demanda real
En canto á parte máis política da reunión, a relativa ao encontro coa directora xeral, as xestións das edís vilagarciás centráronse en fundamentar a demanda de prazas de escolarización de nenos de 0 a 3 anos que existe en Vilagarcía, para o cal a concelleira de Benestar achegou a lista de agarda das dúas garderías públicas de Vilagarcía (a municipal da Lomba e a da Galiña Azul de Carril) e que a 26 de xaneiro era de 54 prazas, a maioría no tramo de 0 a 1 anos.
As concelleiras socialistas tamén lle reiteraron á directora xeral a petición que o alcalde xa lle fixera o ano pasado ao conselleiro para que incluíse a futura gardería de Vilaxoán na rede de escolas infantís públicas que xestiona a Xunta de Galicia. A petición susténtase no marco da colaboración institucional e no reparto de esforzos. O Concello encargouse de redactar o proxecto, conseguir os terreos e os fondos para a súa construción e o que se pretende dende Ravella é que a Xunta colabore no financiamento dos custes de mantemento facéndose cargo da xestión do centro. Na reunión do pasado ano, o conselleiro amosara a súa conformidade coa idea que hoxe se lle volveu a plantear á directora xeral. Neste punto, a responsable autonómica remitiu ás concelleiras ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, organismo que se encarga de xestionas a rede autonómica de garderías, polo que mañá mesmo solicitarase unha reunión co xerente do Consorcio para seguir avanzando no tema.
De forma paralela, o Concello continúa cos trámites para a construción da gardería de Vilaxoán que se adxudicará tan pronto como os servizos técnicos municipais rematen a avaliación das ofertas das empresas que se presentaron ao concurso.
En calquera caso, a escola infantil de Vilaxoán construirase este ano coa idea de que entre en funcionamento en 2018. O orzamento de licitación é de 701.480 euros que se financiarán con parte dos fondos do Plan provincial de 2016.