OBRAS E SERVIZOS
O Concello combate o verdín das beirarrúas mediante unha campaña especial de limpeza O Concello de Vilagarcía está a levar a cabo unha campaña especial de limpeza de beirarrúas e zonas peonís do municipio para combater e eliminar o verdín que medra nas superficies húmidas e sombrías. Ademais de mellorar o aspecto das beirarrúas ennegrecidas pola humidade, os traballos tamén inciden na seguridade dos peóns, posto que eliminan o risco de esvarar nelas como consecuencia do verdín. Estas labores extraordinarias de limpeza están sendo realizadas por Cespa baixo a coordinación do concelleiro de servizos, Lino Mouriño.
09.02.2017.- Os traballos realízanse tanto en zonas do centro de Vilagarcía, como da periferia, Carril e Vilaxoán. Comezaron na segunda quincena de xaneiro e continuarán durante o mes febreiro., combinando dos métodos de traballo en función da superficie a limpar. Nas beirarrúas e zonas peonís normais trabállase coa máquina de auga a presión. Este sistema foi o utilizado a finais de xaneiro nas beirarrúas da Avenida das Carolinas, nun tramo da Avenida de Vilanova cara o Rial e no centro de Vilaxoán nas beirarrúas da Rúa Avelina Nogueira e Víctor Pita. A semana pasada estívose traballando en Carril, en concreto nas zonas máis sombrías das rúas Castillejo e Travesía Cervantes, tamén co lavado a presión, sistema que estase a utilizar tamén estes días nos traballos que se están a realizar na Avenida de Cambados (dende o semáforo a igrexa cara a rotonda de Pablo Picasso).
As características do empedrado de zonas como a Rúa Rey Daviña e paralelas impide utilizar o lavado a presión. Nestas zonas do centro de Vilagarcía actuouse durante a segunda quincena de xaneiro cun método algo máis traballoso pero que non afecta á estabilidade do adoquinado. Consiste en aplicar sobre a superficie un alxicida biodegradable que se pulveriza de xeito manual e se deixa actuar durante unhas horas. Transcorrido este prazo, frégase a zona con auga para retirar o produto e os restos de musgo ou verdín abrandados. Deste xeito mátanse e elimínanse as algas microscópicas que forman a piolla, o verdín e o musgo e se retarda o crecemento futuro.
As zonas nas que se utilizou este procedemento foron o Paseo de Ravella, Castor Sánchez, Ramón y Cajal, Rey Daviña e o tramo anexo da Praza de Galicia, Romero Ortíz, Méndez Núñez e Valentín Viqueira.
A próxima semana a campaña extraordinaria chegará á Rúa do Bosque de Desamparados.