CONCELLO
O alcalde visitou a Laxe e Aldea de Arriba para recoller as necesidades dos veciños O goberno de Vilagarcía continua co calendario de visitas ás parroquias e lugares do municipio. O alcalde desprazouse onte pola tarde a Aldea de Arriba (Cea) e a semana pasada á Laxe para reunirse cos veciños, recoller as súas demandas e comprobar en primeira persoa o estado destas zonas. En ámbolos dous casos acudiu acompañado por membros do seu equipo de goberno.
15.02.2017.- Dúas horas e medias durou a visita de onte a Aldea de Arriba, onde Varela e a concelleira de Urbanismo Paola María, percorreron a zona acompañados dunha representación dos veciños, xa que no lugar non hai constituída ningunha asociación. As principais necesidades trasladadas polos habitantes de Aldea de Arriba referíronse á limpeza de camiños, á instalación dalgún punto máis de luz e a posibilidade de mellorar a estanquidade do lavadoiro; pero tamén se interesaron polo proxecto a Vía Verde, proxecto que consideran beneficioso para a zona e que arranca moi preto deste lugar limítrofe con Rubiáns. De feito, plantearon ao rexedor a posibilidade de estender o trazado desta senda pu complementala con outra que pase por Aldea de Arriba.
No marco deste mesmo programa de visitas ao rural e zonas da periferia, o goberno local tamén mantivo a semana pasada unha xuntanza coas asociacións de veciños da Laxe. Neste caso, o alcalde acudiu ao centro veciñal acompañado do concelleiro de relacións veciñais e Obras, Lino Mouriño. A principal necesidade apuntada polos representantes da asociación Contra Vento e Marea e o colectivo de mulleres rurais centrouse no propio centro veciñal. Dado que non se tratan de instalacións de titularidade municipal, os colectivos solicitaron a colaboración do Concello para labores de mantemento, así como para a compra de calefactores para paliar o frío que pasan en inverno no local.
Tamén pediron que as labores de limpeza e mantemento da canteira realizadas o pasado ano se establezan cunha periodicidade anual para evitar o mal estado no que se atopaba con anterioridade a esta actuación. Por último, apuntaron a necesidade de instalar sinales de “paso preferente” en dúas rúas moi estreitas do barrio e a posibilidade de adecentar a fonte situada na denominada Rúa da Fonte.
Tanto no caso de Aldea de Arriba como da Laxe, o goberno tomou nota das demandas co obxecto de ir executándoas na medida das súas posibilidades e así que estean aprobados os orzamentos de 2017.