OBRAS E SERVIZOS
O Concello remata o asfaltado da Rúa Xabreira e do camiño ao vial do Porto dende Fontecarmoa O Concello de Vilagarcía rematou xa dúas actuacións de mellora de camiños. Trátase da Rúa Xabreira, en Guillán, e do camiño de servizo que comunica Fontecarmoa co vial do Porto. A actuación enmárcase no plan de mellora de viais secundarios que está a levar a cabo a concellería de Obras que dirixe Lino Mouriño. A continuación procederase a unha actuación similar no camiño que comunica a rotonda de acceso ao vial do Porto co barrio do Piñeiriño.
23.02.2017.- A mellora dos camiños de acceso ao vial do porto dende O Piñeiriño e Fontecarmoa foi posible despois de que o Ministerio de Fomento comunicara a cesión das vías á administración local. Actuación permite poñer fin ao lamentable estado que presentaban ambos camiños debido á falta de mantemento por parte do departamento estatal, razón pola que estaban invadidos de fochas que dificultaba o paso de vehículos e aumentaba a perigosidade destes e dos peóns. A situación foi solventada xa no camiño de enlace coa zona da piscina de Fontecarmoa . Precisamente, e como complemento a esta obra, agora que a vía volve a ser transitable, o goberno encargou á Policía Local a elaboración dun informe técnico para establecer as medidas oportunas para controlar a velocidade e para garantir a seguridade dos peóns.
Tamén se rematou esta semana o asfaltado da Rúa xabreira, en Guillán, traballos que foron supervisados onte por Mouriño. E en cuestión de días, as máquinas trasladaranse ata a conexión do Piñeiriño para completar o plan municipal de mellora da rede de camiños secundarios.