CULTURA
Vilagarcía acollerá a 45 edición do Curtas Film Fest do 23 ao 29 de outubro A Asociación Cultural Curtas xa puxo data para un dos eventos máis esperados do ano: o Curtas Film Fest que se desenvolverá do 23 ao 29 de outubro. Como xa o fixo na pasada edición, na que recibiu un forte impulso, a Concellería de Cultura volverá a colaborar na organización do certame audiovisual por considerar que se trata dun evento moi importante e beneficioso para Vilagarcía tanto no eido cultural como na medida na que contribúe a desestacionalizar a oferta turística no municipio.
26.02.2017.- A de 2017 será a 45 edición do festival de curtametraxes de Vilagarcía. O agora renovado e denominado Curtas Film Fest é o certame de curtas máis antigo de Galicia, circunstancia que é todo un valor a salientar no marco do calendario de citas audiovisuais existentes na actualidade.
O Festival de Curtametraxes naceu no seo do Liceo Marítimo, despois Liceo-Casino, e o ano pasado colleu a súa dirección a Asociación Cultural Curtas, co vilagarcián Luis Rosales como principal aval, xa que contaba no seu haber coa experiencia de dirixir tamén o Festival de Cine Fantástico Nocturna de Madrid.
Na súa 44 edición, o Curtas Film Feste contou cunha maior implicación do Concello de Vilagarcía e tamén da Deputación, o que posibilitou dar un enorme pulo ao certame que, aparte do concurso de curtametraxes propiamente dito, contou por primeira vez cun amplo programa de actividades paralelas relacionadas coa temática elixida. O cine dos anos 80 e os heroes de cine invadiron de actividade as rúas de Vilagarcía con exposicións, proxeccións, obradoiros de maquillaxe, festas temáticas de disfraces, e mesmo desfiles galácticos. Todos os actos foron abertos ao público e de balde e contaron cunha nutrida participación de espectadores, o que se reflexou nun valioso efecto dinamizador e de atracción de xente.
A Asociación Cultural Curtas aínda non desvelou a temática e a programación para este ano, pero en vista do éxito da pasada edición hai xerada moita expectación. O que si comentaron é que xa están traballando na organización e deseño deste gran evento.
A Asociación Cultural Curtas é unha entidade cultural sen ánimo de lucro, que nace co propósito de contribuír á oferta cultural vilagarcián con propostas relacionadas coa cultura popular a través da realización de proxeccións semanais tanto en versión orixinal como dobrada; xogos de rol e de mesa; servizos de ludoteca, videoteca e biblioteca; presentacións de libros; exposicións; cineforums e clases maxistrais; cursiños ou talleres; entre moitas outras actividades.