CONCELLO
Varela recibe ao representante dos traballadores do sector da estiba portuaria en Vilagarcía O alcalde, Alberto Varela, recibiu esta mañá ao representante do colectivo de estibadores portuarios en Vilagarcía, Emilio Loroño Vázquez. O encontro, solicitado polo sector, enmárcase nas accións que os traballadores están levando a cabo a nivel estatal para tratar de que se teñan en conta as súas reivindicacións na nova normativa que pretende aprobar o Executivo Central. O alcalde púxose a disposición dos estibadores de Vilagarcía en defensa do posicionamento deste colectivo.
08.03.2017.- A postura de Varela Paz vai acorde co sentir que a Corporación Municipal manifestou no último Pleno, ao aprobar por unanimidade a moción presentada por EU en apoio ao sector da estiba. Segundo este acordo, o Pleno instará ao Ministerio de Fomento, ás empresas da estiba e aos traballadores a que acorden as medidas que permitan superar a incerteza xerada a partir da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en 2014, que obriga ao Estado Español a levar a cabo determinadas modificacións legais na regulación do sector.
Sen recortes dos dereitos laborais adquiridos
O Pleno tamén instará ao Goberno do Estado a que na nova normativa respecte os dereitos laborais conquistados polo sector nas últimas décadas e que introduza garantías para o acceso ao emprego sen discriminación de ningún tipo e atendendo aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.