BIBLIOTECAS
A Biblioteca dedica o Día da Poesía ao aniversario de Rosalía cun acto infantil e un recital para adultos Como é habitual dende hai anos, Vilagarcía conmemora o 21 de marzo o Día da Poesía con actos organizados pola Biblioteca Municipal Rosalía de castro. Nesta ocasión, para a xornada de mañá, o centro emprazado na Rúa Rey Daviña dedicará a data a celebrar o 180 aniversario de Rosalía de Castro, por iso, coincidindo coa clausura da exposición sobre a poetisa que se exhibe no centro dende hai semanas, Pola mañá haberá unha actividade de animación á lectura para escolares e pola tarde un recital para adultos.
20.03.2016.- A actividade infantil terá lugar no vestíbulo da Biblioteca ás 11 horas e contará coa asistencia dun grupo de alumnos e alumnas de 4º curso de Primaria do CEIP A Escardia. A actividade leva por título Rosalía cumpre 180 anos! Queres celebralo con ela? A actriz María Torres será a encargada de dirixir o acto. Caracterizada como a escritora, permitirá ao público coñecer unha animosa Rosalía que ri, que xoga e que canta a Galicia.
Rosalía, en constante diálogo co público, conta detalles da súa vida, dos seus fillos e da súa paixón, a poesía, ao tempo que propón distintos xogos de creación literaria. Entre obradoiro e narración, esta actividade fomenta a lectura poética e a creación literaria a través de dinámicos e amenos xogos: recitados, caligramas, sinxelas dramatizacións que dan vida aos versos, etc.
Xa pola tarde, a partir das 19 horas, o vestíbulo da Biblioteca volverá a abrirse ao público para acoller o recital que organiza o grupo poético “A Mesa das Verbas” coa colaboración da Biblioteca e da Concellería de Cultura. Será unha homenaxe a Rosalía na que as persoas que o desexen poderán recitar algúns dos versos escritos pola poetisa.