CONCELLO
O goberno local remata a revisión dos regulamentos de usos culturais e de mercados O goberno local continúa adiante coa revisión dos regulamentos de ordenanzas que o precisan, e nesta senda a próxima semana será moi importante. O martes polo mañá o executivo de Alberto Varela reunirá a todos os grupos políticos para presentarlle o borrador do novo regulamento de usos culturais, unha vez introducidas as propostas que se foron recollendo nas últimas semanas das xuntanzas con colectivos culturais e veciñais, con creadores locais e cos usuarios dos locais de ensaio, e despois de que os servizos xurídicos xa revisaron a redacción.
25.03.2017.- Ese mesmo día, pero pola tarde, o goberno local se reunirá cos representantes dos profesionais da praza de abastos para, nun proceso similar ao do regulamento cultural, presentarlle o borrador do novo documento, explicarlle cales son as súas intencións e animalos a que formulen a súas propostas de mellora, posto que son os principais afectados pola norma e tamén os que mellor coñecen o funcionamento da praza e do mercado. Cabe lembrar que o actual regulamento de mercados data de 1992, sendo unha reforma do orixinal de 1986. Dende entón ata hoxe cambiaron moito as cousas, non só dende o punto de vista dos hábitos de compra senón das propia estrutura e organización da praza e do mercado, de aí a necesidade de adaptar a norma os novos tempos e aos novos espazos, cunha segunda fase de reforma da praza en marcha.
No caso do regulamento cultural, o proceso de revisión xa está moito máis avanzado. O novo texto axiliza o uso dos locais de ensaio, tamén prevé máis facilidades para os creadores que queiran usar as salas de exposición e articula medidas para unha correcta xestión dos centros socioculturais das parroquias, incluso naqueles casos nos que son varias as asociacións implicadas.