CONCELLO
O Concello renova e amplía a maquinaría de traballo de varios departamentos cun investimento de 173.860 euros .- O goberno local de Vilagarcía realizará este ano un importante investimento na renovación e ampliación da maquinaria de traballo de diferentes departamentos municipais. Nos próximos meses farase un investimento de 173.860 euros a financiar a través do Plan de Obras e Servizos 2017 da Deputación co obxectivo de dotar de ferramentas mecanizadas e vehículos para Medio Ambiente, Xardíns, Alumeado, Cemiterios, Obras e Vías Públicas.
30.03.2017.-A compra desta maquinaria permitirá mellorar as condicións de traballo dos operarios, axilizar as labores, prestar un mellor servizo á cidadanía e atender novas necesidades que van xurdindo.
O investimento máis importante, 68.000 euros, será o destinado a comprar un vehículo pick-up con plataforma elevadora destinado ao servizo de Alumeado. O vehículo vello, moi desgastado polo uso, manterase para labores esporádicas como podas en altura do servizo de Xardíns e Medio Ambiente.
Unha das novas e máis necesarias adquisicións será a da máquina porta féretros para o servizo de Cemiterios ao que se destinan 25.000 euros. Ata o de agora o Concello carecía deste equipo polo que á hora de realizar os enterramentos nos nichos máis altos, os operarios do servizo e das funerarias tiñan que levantar os féretros manualmente e usando cabaletes. Outros 23.000 euros dos fondos provinciais serán para a compra dunha mini pala cargadora con cucharón e varredora que será utilizada polo servizo de Medio Ambiente para as labores de corta e recollida de maleza dos camiños e vías municipais.
Medio Ambiente e Xardíns tamén verán mellorada o seu parque de maquinaria cunha máquina esteladora que complementará a outra máis pequena xa existente. O orzamento para esta compra ascende a 36.000 euros e permitirá triturar ramas e restos de podas de maior grosor.
O servizo de Oras, e máis en concreto o de vías públicas, poderá contar este ano cunha máquina para o pintado da sinalización horizontal das rúas para a cal se reservan 9.860 euros, e tamén cunha cisterna de rego de emulsión asfáltica que se dedicará ás labores de mantemento de vías e na cal se investirán 12.000 euros.