OBRAS E SERVIZOS
O Concello proxecta a renovación das varandas do río no entorno de Vista Alegre Dentro das actuacións de mellora que Concello de Vilagarcía está a facer para por en valor a contorna da zona histórica e monumental de Vista Alegre, a próxima actuación que se pretende levar a cabo será a renovación das varandas do tramo do río que discorre ao longo do Parque da Xunqueira, é dicir, o máis próximo ao conxunto declarado de Interese Nacional. A actuación está presupostada en 100.000 euros que se financiarán a través dos fondos provinciais do POS 2017. O proxecto xa se remitiu á dirección Xeral de Patrimonio, que o ten que informar por situarse neste entorno protexido.
10.04.2017.- Con esta actuación preténdese mellorar as condicións estéticas e de seguridade, así como incidir na integración ambiental dun espazo altamente frecuentado por ser unha zona principal de esparexemento do centro urbano.
En concordancia cos criterio seguidos en actuacións anteriores no municipio, os materiais a utilizar, ademais de incidir na sinxeleza e estética do deseño, terán que contar ademais coas características de resistencia e durabilidade, de feito que eviten a realización constante de tarefas de mantemento e os conseguintes custes do mesmo. Por esta razón, proponse o uso de aceiro cortén como o usado nas escaleiras de Vista Alegre e o Castro de Alobre, sitos tamén na mesma contorna, combinado con pedra.
O proxecto deseñado polo Arquitecto das Áreas de Rehabilitación Integradas do Concello, Iago Fernández Puentes, propón actuar nas dúas marxes do río que discorren entre a Ponte de Vista Alegre e a de Doutor Tourón, así como en todo o borde do afluente e estanque do parque, o que discorre paralelo á fachada posterior do Convento.
Para as dúas varandas do Con proponse un tratamento similar, non como na actualidade, na que cada marxe ten un deseño distinto. Cos mesmo materiais, pero cun deseño diferente, se substituirán as actuais varandas do estanque, atendendo tamén a criterios de seguridade dado que se trata dunha zona moi utilizada polos cativos que xogan na zona e se asoman a ver os parrulos.