CONCELLO
O Concello acada un acordo para ensanchar o acceso á Torre na zona da Golpelleira e crear un aparcamento O Concello de Vilagarcía acaba de chegar a un acordo coa familia propietaria do Pazo da Golpelleira para levar a cabo dúas actuacións que suporán grandes beneficios para os residentes na zona e tamén para o conxunto da cidadanía do municipio. Por un lado permitirá ensanchar o vial de acceso a´Torre, mellorando considerablemente a seguridade viaria neste problemático punto, e por outro suporá a creación dunha nova e extensa bolsa de aparcamento público e de balde para dar servizo ao barrio e ao centro urbano.
20.04.2017.- O ensanche da rúa pola que se accede á Torre dende Os Duráns é unha actuación moi necesaria e que os veciños levaban anos demandando, xa que a estreitura do tramo que dobre sentido dificulta o paso de dous vehículos e a presenza dunha curva sen visibilidade eleva os riscos de colisión. Segundo o acordo, os propietarios ceden ao Concello a franxa de terreos da parcela situada fronte ao pazo para proceder ao retranqueo do murete existente, pero xa axustando o ancho do vial ata os 10 metros que marca o Plan xeral de Ordenación Municipal.
Por outro lado, os donos da Golpelleira tamén asinarán un convenio co Concello para crear unha nova bolsa de estacionamento público e de balde no outro solar que posúen na zona, o que discorre paralelo á vía do tren. Convenio é similar aos xa asinados con propietarios da Escardia e do Piñeiriño, nos que o Concello paga aos donos un aluguer simbólico similar ao concepto do IBI deses terreos.
Dado que a cesión para ensanchar a estrada supón unha perda de metros na parcela que os donos da Golpelleira están a utilizar como párking exclusivo para clientes do Pazo, no novo estacionamento público de enfronte reservaras un espazo similar para os momentos no que o pazo acolla a celebración de eventos. O resto do tempo poderá ser utilizado libremente por calquera, ao igual que o resto da parcela que rolda os 10.000 metros cadrados de superficie.
Esta bolsa de aparcamento dará servizo tanto aos veciños da Torre como dos Duráns e tamén servirá como alternativa a estacionar durante os grandes eventos festivos de verán que se celebran na cidade.
O Concello traballa xa na redacción do convenio mediante o cal se plasmará o acordo acadado. Unha vez asinado polas partes, o Concello poderá xa iniciar os trámites para levar a cabo as obras pertinentes de retranqueo do muro e acondicionamento do párking.