INFRAESTRUTURAS
O concello distribúe 1.000 follas informativas sobre o proxecto da pista multideporte dos Duráns O Concello comezou hoxe a distribución no barrio dos Duráns de mil follas informativas sobre o proxecto da pista multideporte que se pretende instalar no último dos parterres da zona verde da rúa Aquilino Iglesias Alvariño. A folla, en A4 e impresa polas dúas caras, contén unha infografía sobre a hipotética imaxe final da pista, e xa se advirte que é hipotética porque segundo a empresa que gañe o concurso o peche perimetral poderá ser dun material ou outro, ou mesmo o solo pode ser dun tipo ou outro, posto que cada firma comercializa un modelo distinto.
21.04.2017.- Con todo, na información que se fai chegar a todos os veciños, casa a casa nas dez rúas que conforman o barrio, se explica a superficie e características da pista, o investimento e os prazos de execución e, sobre todo, o por que da decisión e o seu emprazamento. Así, dende o goberno local lémbrase que nos Duráns viven 1.750 veciñas e veciños, dos que 362 son menores de 18 anos. Polo tanto, o barrio é un dos máis poboados da cidade e, en consecuencia, precisa de infraestruturas que faciliten a socialización e a conciliación da vida laboral e familiar.
Pola súa propia configuración urbanística ao longo do tempo, nos Duráns apenas hai espazos públicos para lograr ese obxectivo, por iso os técnicos chegaron á conclusión de que a mellor ubicación sería o último dos parterres da zona verde de Aquilino Iglesias, unha zona na que existe tamén unha área de xogos infantís. O goberno local está convencido de que a pista -moi similar ás que recentemente se instalaron na praza de Barcelos, en Pontevedra, e con gran éxito, ou á que pronto se porá en Carril- terá unha maioritaria boa acollida.
En calquera caso, varios membros do goberno local asistirán o vindeiro venres, día 28, ás 20:45 horas, á reunión informativa convocada na mesmo lugar no que se pretende instalar a pista. Alí exporán as súas características, vantaxes e razóns para o seu emprazamento, e tamén escoitarán os que xa manifestaron a súa disconformidade, pero igualmente aos que fixeron chegar o seu apoio a unha instalación que o equipo de Alberto Varela considera moi necesaria e importante para Os Duráns.