MEDIO AMBIENTE
Alumnos do San Franscisco visitan a árbore enferma da Praza de España para coñecer as razóns da tala As concellerías de Medio Ambiente, Educación e Urbanismo colaboran na organización dunha actividade didáctica dirixida a escolares co obxectivo de informalos sobre o ciclo vital das árbores e o papel que xogan nos espazos urbanos. A actividade desenvolverase no xardín da Praza de España e máis en concreto en torno a un vello exemplar de plátano que se atopa gravemente enfermo e que é necesario substituír. Por proximidade e coñecemento do entorno, participarán na actividade escolares do colexio San Francisco.
01.05.2017.- A actividade consiste en dúas fases. A primeira levarase a cabo o martes, 2 de maio, a primeira hora da mañá. Un grupo de alumnos e alumnas de 5 anos, acompañados dos seus docentes, desprazaranse ata a Praza de España para ver o estado no que se atopa a vella árbore. Persoal da Concellería de Educación e do Departamento de Xardíns serán os encargados de explicarlles aos cativos o ciclo vital das árbores, a súa importancia estética e medioambiental, así como factores importantes no benestar das persoas que axuda a reducir os niveis de dióxido da atmosfera, característica especialmente benéfica nas cidades onde hai circulación de vehículos.
EVITAR RISCOS Explicaranlles que, como seres vivos que son, nacen, medran e morren e, como as persoas, ao longo da súa vida poden enfermar, como lle pasou ao vello plátano que lles servirá de exemplo. Os nenos e nenas verán o estado no que se atopa, co tronco totalmente oco dende na súa base, e explicaráselle que esta situación tamén xera un risco para as persoas, xa que a debilidade da árbore pode facer que tronce e caia en calquera momento.
Para previr riscos, a actuación que procede é retirar a árbore e plantar outro no seu lugar, iniciando así un novo ciclo da vida.
Tras a visita dos nenos o martes, o Concello procederá a cortar o plátano para que os alumnos regresen venres 5 para presenciar as labores de plantado dun novo exemplar por parte dos operarios de Xardíns. Esta será a segunda fase da actividade: a de repoboación, aspecto no que se pretende incidir para sensibilizar aos cativos sobre a necesidade de plantar unha árbore nova cando unha vella morre, de xeito que manter a masa forestal, tanto nos parques e xardíns, como nos montes e bosques.