EMPREGO
Aprobadas as bases das axudas á contratación e consolidación de emprego por conta allea A Xunta Local de Goberno aprobou na reunión de onte as bases que rexerán a convocatoria da liña de axudas que o Concello ofrece á iniciativa privada para potenciar a creación ou consolidación de emprego.o Concello dispón este ano de 44.000 euros para financiar estas axudas, o que supón un incremento de 4.000 euros respecto ao exercicio anterior. As subvencións teñen como obxectivo favorecer a contratación ou o mantemento de Emprego de persoas empadroadas en Vilagarcía en empresas da comarca do Salnés e Caldas.
03.05.2017.- Poderán solicitar estas axudas as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado radicadas nas comarcas do Salnés e Caldas que formalicen contratos con traballadoras e traballadores empadroados no Concello de Vilagarcía cunha antigüidade mínima dun ano e inscritos como demandantes de emprego no servizo Público de Emprego e Galicia (antigo Inem). Considéranse subvencionables as contratacións indefinidas, conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada, así como os temporais con duración mínima de 6 meses. Os contratos a subvencionar deben estar asinados entre o 2 de novembro de 2016 e o 1 de outubro de 2017.
As bases xa foron remitidas ao BOP para a súa publicación. O prazo de presentación das solicitudes abrirase despois da publicación.
A creación desta subvencións foi un compromiso do goberno de Alberto Varela que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado. Enmárcase nas políticas locais de emprego e promoción económica deseñadas dende a concellería que dirixe Juan Antonio Pérez Callón. A convocatoria persegue potenciar a creación e mantemento do emprego por conta allea mediante incentivos económicos ás empresas. Trátase dunha acción máis para tratar de provocar o descenso dos índices de paro entre os vilagarciáns.
Na primeira edición da convocatoria, un total de 11 empresas obtiveron a axuda municipal e percibiron subvencións que oscilaron entre os 1.500 e os 3.000 euros. Grazas a esta medida, 11 traballadores empadroados en Vilagarcía conseguiron emprego ou renovaron o seu posto con maior estabilidade conseguindo contratos a tempo completo cunha duración mínima de 6 meses.