XUVENTUDE
Os cabezudos da “Danza dos Paxaros” abren o Festival do Estío o domingo no Miguel Hernández Os vistosos cabezudos da Compañía Paporrubio serán os encargados de inaugurar este domingo, 25 de xuño, o Festival do Estío de Vilagarcía, o programa de actividades socio culturais organizado pola Concellería de Xuventude para celebrar a chegada das vacacións escolares de verán. A “Danza dos Paxaros” que terá lugar a partir das 12:30 horas no Parque Miguel Hernández será o primeiro dos sete espectáculos programados polo departamento que dirixe Sonia Outón para a vindeira semana con catro sesións a desenvolver en distintas rúas e prazas da cidade. Todos as actividades son de balde.
23.06.2017.- “A danza dos Paxaros”, que a Compañía Paporrubio presenta este domingo en Vilagarcía é un espectáculo de animación de rúa formado por seis actores e actrices e un actor principal, Luchi Iglesias, o ornitólogo que dirixe a esta particular bandada no seu danzar. Acompañados da música, das súas vistosas vestimentas e sobre todo de moito humor e moito ritmo, os paxaros percorrerán as rúas, a praza ou o espazo que se lles dispoña facendo bailar a todos e todas as presentes. Estes cabezudos constitúen un espectáculo sorprendente, áxil e de grande éxito entre o público polo seu carácter participativo e a súa interrelación co mesmo.
As seguintes sesións do Festival do Estío serán o xoves 29 de xuño e o venres 30 e a xornada de clausura será o sábado 1 de xullo: PROGRAMA:
• Xoves, 29 de Xuño no Parque Miguel Hernández 12:30 horas: FANTOCHES BAJ- “Rei, Rei?” 21:00 horas: TÍTERES TROMPICALLO- “Jiñol”
• Venres, 30 de xuño nos Xardíns de Ravella 12:30 horas: TEATRO GHAZAFELHOS- “O vendedor de fume” 21:00 horas : MARÍA FALTRI E JORGE JUNCAL- “Fantasía coas Palabras”
• Sábado, 1 de xullo NA Praza de Galicia 12:30 horas: XAROPE TULÚ- “De Bruídos e Miañares” 21:00 horas: MAMÁ CABRA- Concerto