OBRAS E SERVIZOS
O concello esixe á empresa que fixo a reforma da praza de España que arranxe o xardín, dentro do prazo de garantía O Concello esixiu á empresa Stradia Infraestruturas S.L, adxudicataria das obras de reforma da praza de España, que cumpra coas súas obrigas de mantemento da zona axardinada. As obras foron executadas polo anterior goberno, desde novembro de 2014, concluíndo, con varios meses de retraso, en agosto de 2015.
12.07.2017. Como queira que o sistema de irrigación das zonas axardinadas resultou fallido, e que a obra aínda está en garantía, o actual goberno quere poñer fin á actual situación (apenas hai herba) cunha dobre actuación: por unha banda, esixindo á empresa que cumpra co seu compromiso –era unha mellora na adxudicación- de manter o xardín durante dous anos, algo que non fixo ata agora, e renovando a terra, e instalando un sistema de rega do que carecía no proxecto inicial.
Para iso, empresa e concello están negociando o aporte de novo substrato de acordo cunha firma especializada en xardinería, de xeito que logo o novo sistema de rega resulte eficaz. Tanto o alcalde, Alberto Varela, como a concelleira de Urbanismo, Paola María, dixeron ser conscientes das queixas dos veciños –eles mesmos viven nas inmediacións- pero explicaron que tampouco o concello podía actuar polos seus propios medios mentres a obra estivera en garantía, como é o caso.
O alcalde tildou, por iso, de “desfachatez” que sexa agora o Partido Popular, o mesmo que contratou e executou esa obra, o que se queixe do estado da praza de España. “Como tantas outras cousas que deixaron sen facer ou as fixeron mal, que os veciños non se preocupen, que será este goberno quen dea unha solución”, concluíu Alberto Varela.