DEPORTE
A Fundación saca a licitación o servizo de mantemento vexetal das instalacións deportivas municipais A Fundación Municipal de Deportes saca a concurso o servizo de mantemento vexetal nalgunhas das instalacións deportivas municipais. O contrato abrangue tanto os campos de herba natural da Lomba e do estadio de Atletismo, como outras instalacións municipais de terra ou herba artificial. En total, o contrato terá un ámbito de actuación de oito instalacións deportivas nas que, dependendo das característica de cada unha delas, o adxudicatario deberá realizar segas de prados, recorte de bordos, fertilización ordinaria, toma de mostras e analítica de solo e subsolo, vixilancia fitosanitaria e limpeza de maleza. O contrato ten un prezo de licitación de 99.479 euros por un prazo de 16 meses, prorrogables nun período similar.
01.08.2017.- O prego de condicións técnicas foi aprobado polo Consello Reitor da Fundación e pódese consultar no perfil do contratante da web municipal http://www.vilagarcia.gal ou nas oficinas da Fundación de Deportes en Fexdega. Nel constan outros requisitos como a frecuencia de segas e recortes de bordos, o número de cortas extraordinarias, o número e periodicidade das analíticas e fertilizados, así como da limpeza e control de maleza. Tamén se especifica as actuacións con uso de herbicidas en cada instalación e os controis técnicos por parte dun mestre xardineiro.
O prazo de presentación de ofertas é de 15 días hábiles a contar a partir do seguinte ao da publicación (a partir do 2 de agosto).