CONCELLO
Costas autoriza á verbena da Ameixa cos condicionantes sinalados polos técnicos municipais En resposta ao escrito e informes remitidos no día de onte polo Concello, a Dirección Xeral de Costas vén de comunicar que autoriza a celebración da verbena da Festa da Ameixa na Praia, supeditando o devandito permiso ao cumprimento por parte da organización das medidas sinaladas nos informes municipais. Tal como se comprometerá, o Concello xestionou coa maior axilidade o asunto relacionado coa verbena da Ameixa, xa que ao día seguinte de recibir a información requirida á organización, realizouse o preceptivo informe e remitiuse toda a documentación á Costas urxindo unha pronta resolución.
11.08.2017.- Tal como a Confraría de Pescadores e a Agrupación de Parquistas querían, a verbena poderá celebrarse na Praia Compostela, xa que así o autorizou Costas. Non obstante, o mesmo departamento estatal indica na mesma resolución que o evento debe levarse a cabo nas seguintes condicións:
A actuación debe axustarse á descrita na documentación presentada pola Cobraría e a Asociación de Parquistas.- Calquera alteración grave ocasionada ao dominio público marítimo terrestre con motivo da mesma, será de exclusiva responsabilidade da organización da Festa (Confraría e Parquistas).
Así mesmo , a resolución recolle expresamente que para a celebración do evento, a organización deberá cumprir os requirimentos sinalados polo Enxeñeiro Municipal co obxecto de preservar e garantir a conservación ou reparación sos servizos públicos . Estes condicionantes de obrigado cumprimento son colocar pranchas de aceiro na totalidade do acceso para repartir a carga dos vehículos pesados e constituír unha fianza de 3.000 euros como garantía de reposición dos servizos municipais que puidesen verse afectados polo paso dos vehículos. Cómpre recordar que, segundo a documentación por eles presentada, a previsión dos organizadores é que accedan á Praia atravesando o Paseo Marítimo 4 trailers de entre 35 e 40 toneladas de peso máis outros 2 camións de 3,5 toneladas que ademais deberían desprazarse polo areal ao longo de 250 metros.