CONCELLO
O operativo especial de limpeza retirou das rúas 34 toneladas de lixo tras a Festa da Auga O operativo especial de limpeza deseñado polo Concello con motivo da celebración da Festa da Auga pechouse este ano con algo máis de 34 toneladas de lixo retiradas das rúas e espazos públicos do centro da cidade. Desta cantidade, aproximadamente uns 4.000 quilos corresponderon ao vidro que se recolleu a través da campaña especial. O operativo principal de limpeza rematou ás 8 da tarde de onte, aínda que hoxe continuábase coa limpeza da periferia e coa retirada do lixo acumulado na TIR, cuxas labores de recollida comezou a facer a empresa organizadora da festa privada alí desenvolvida, tal como lle requiriu o Concello esta mañá.
17.08.2017.- As 34 toneladas de desperdicios retiradas este ano tras as celebracións da madrugada e da Festa da Auga supuxeron 2 toneladas máis que o ano pasado. Unha das diferenzas deste ano foi que, como resultado da campaña de recollida e reciclado de vidro, que supuxo unha primeira intervención manual dos operarios para retirar as botellas e vasos, o que facilitou e axilizou bastante a posterior recollida dos demais desperdicios.
Setenta e noves persoas entre operarios municipais e da empresa concesionaria Cespa, participaron no operativo que comezou ás sete da mañá do mércores. Os traballos comezaron pola zona das praias, onde se soen realizar numerosas celebracións nocturnas, co obxecto de que os areais estivesen en perfectas condicións para ser usados polos bañistas o día de San Roque. A partir de aí, o dispositivo estendeuse polas zonas onde se acumula máis xuventude: a TIR, o Parque Miguel Hernández, a zona do paseo e o porto deportivo e o parque do Cavadelo.
Xa pola tarde, foi preciso realizar unha segunda batida polo Parque Miguel Hernández e inmediacións, posto que a xente volverá a deixar bastante lixo. Nestas actuacións interviron operarios municipais recollendo e amontoando o lixo a man, para que o camión da concesionaria pasara posteriormente a recollelos e retiralos. Por último, o camión cisterna de Cespa baldeou as zonas cun produto desodorizante.
A partir das 15 horas os efectivos de Cespa comezaron a limpar as rúas da Zona Húmida, empezando pola capela de San Roque para irse desprazando cara ao centro.
O dispositivo desenvolveuse con normalidade, coa única incidencia de unha rúa da zona dos viños no que a celebración dunha festa que aínda continuaba impediu entrar as máquinas e a limpeza demorouse algo máis do previsto, aínda que finalmente, as rúas quedaron en perfecto estado para os actos e celebración da tarde-noite.
Neste punto, o edil de Obras e Servizos, Lino Mouriño, fixo un chamamento ao civismo e solidariedade da xente: “A todos nos gusta pasalo ben, pero despois de moitas horas de diversión, tamén hai que pensar un pouquiño na xente que tivo que prescindir da festa para traballar e que para que os demais poidan seguir de celebracións cunha cidade limpa e en bo estado. Por iso hai que facilitarlles o traballo”.
No cómputo do lixo retirado non se inclúe o que se xerou no interior do espazo ocupado pola festa privada organizada na TIR e que esta mañá, e tras terse retirado o peche do recinto, seguía sen limpar. O Concello púxose en contacto co responsable do evento ao que se lle requiriu a limpeza do mesmo, tarefas que comezaron a mediodía. O persoal da festa encargouse de recoller o lixo e botalo nos contedores que o Concello dispuxo na zona. De non chegar, comunicóuselle que o introducisen en bolsas ou sacos e que os deixasen xunto cos contedores para que os servizos municipais de recollida os poidan retirar sen dificultade.
Agradecemento polo “inmenso esforzo”
O edil responsable de Limpeza agradeceu aos traballadores municipais e de Cespa o inmenso esforzo realizado, xa que tiveron que duplicar quendas para que Vilagarcía puidera recuperar a normalidade coa maior brevidade e para que os festexos continuasen o día de San Roque pola tarde coa cidade en óptimas condicións. “A verdade é que fan un traballo titánico nestas datas, e non só tras a Festa da Auga. É un sobre esforzo que se prolonga durante todo o período de festas, e que esta fin de semana, coa concentración de eventos que acolle a cidade, vai ter que repetirse”, sentenciou.