CONCELLO
Comezan as obras de substitución da cuberta da escola infantil municipal da Lomba O Concello de Vilagarcía acomete este ano importantes melloras na Escola Infantil Municipal da Lomba. Aproveitando o período habitual de peche do centro a principios de setembro, comezan xa os traballos de substitución da cuberta adxudicados á Construcciones Piñyfer e que financia o Concello cun orzamento de 52.385 euros. A esta importante e necesaria actuación súmase o pintado interior e exterior do edificio, xa iniciado hai semanas, e no que a administración local inviste outros 20.570 euros.
07.09.2017.- A substitución da cuberta da escola infantil municipal da Lomba é unha actuación necesaria dadas as deficiencias que se viñan detectando na actual e que estaban a rexistrar danos no interior do edificio debido, principalmente, á filtración de humidades. Previamente á redacción do proxecto fíxose un estudio para determinar o estado da cubrición.
A actuación en execución resolverá estas deficiencias, aportando maior seguridade e garantindo a axeitada conservación do edificio, e tamén mellorará as condicións de eficiencia enerxética e, como consecuencia, incidirá positivamente no confort dos nenos e nenas da gardería e tamén dos docentes.
As obras consisten na desmontaxe do material de cobertura existente, das canaletas e de todos os remates. Entre os rastreles que se manteñen instaranse outros intermedios de aceiro galvanizado e retiraranse as correas existentes no porche para substituílas por outras novas deste mesmo material. Posteriormente, instalarase o revestimento novo da cobertura, a base de paneis sándwich cos correspondentes remates de cumios, bordes, aleiros e encontros realizados en chapa metálica do mesmo color vermello tella dos paneis. As canaletas serán de chapa metálica e instalaranse rebosadeiros nos extremos libres das canaletas interiores. As baixantes existentes manteranse e se eliminarán os restos de fábrica de ladrillo onde sexa necesario.
O inicio destes traballos coincidirán co remate dos de pintado exterior do centro (o interior estará completado para o inicio do curso), de xeito que as obras non estraguen o novo pintado.s dúas empresas xa se coordinaron para realizar os traballos. O prazo de execución da substitución da cuberta é de 2 meses, aínda que se axilizará para rematar antes. En calquera caso xa están dadas as instrucións para que as obras a desenvolver durante o paro da gardería se centren nas das aulas, para poder rematar os traballos máis miúdos, xa iniciada a temporada escolar, por aquelas zonas nas que os traballos non interfiren coa actividade docente nin xeren ningún risco.