MEDIO AMBIENTE
A Xunta constata a perfecta adecuación do Punto Limpo de Pinar do Rei tras as obras executadas polo Concello A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia vén de constatar a perfecta adecuación do Punto Limpo de Pinar do Rei á normativa medioambiental en vigor tras as obras de mellora executadas polo Concello. A constatación chega tras a inspección que o servizo de Calidade e Avaliación Ambiental realizou o pasado mes de xuño e que concluíu cun informe favorable e con concesión por parte da Consellería da autorización ao Concello como xestor de almacenamento de residuos perigosos e non perigosos nas instalación de Pinar do Rei e a conseguinte inscrición no rexistro oficial de produtores e xestores de residuos de Galicia. En consecuencia a Xunta de Goberno acordou solicitar á Consellería o arquivo do expediente aberto en 2016.
08.09.2017.- A nova foi acollida con satisfacción por parte do goberno local e especialmente polo concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, quen puxo especial interese en resolver a caótica situación na que se atopou o Punto Limpo tres o cambio de goberno, debido tanto á falta de actuacións correctoras como ao almacenamento e acumulación indiscriminados dos residuos. Unha inspección da Xunta de Galicia en 2016 alertou da situación e apuntou as medidas correctoras que era preciso levar a cabo, actuacións para as que o Concello redactou un proxecto e investiu 60.000 euros.
As obras realizadas
Os traballos executados consistiron na construción de 4 novas tolvas (que se suman ás 5 existentes inicialmente) que proporcionarán maior capacidade de almacenamento e unha separación máis minuciosa. As novas tolvas situáronse na parte posterior ás cinco existentes e para dar acceso ás mesmas aos vehículos de depósito e de recollida. Tamén se acondicionou a explanada posterior mediante a execución dunha nova soleira e se construíu unha rede de drenaxe.
Compra dunha trituradora, reciclado de entullos e convenios con empresas
Aparte das obras, o Concello adoptou outras medidas de mellora na xestión de residuos como por exemplo reutilizando e reciclando os entullos de obras que estaban acumulados no Punto Limpo. Estes residuos trituráronse e reutilizáronse como material de recheo nas explanacións das novas bolsas de aparcamento.
Por outro lado, está prevista a adquisición a través do POS 17 dunha trituradora para restos de poda máis potente que a existente e tamén se pecharon acordos con empresas para a xestión de determinados residuos, por exemplo, os de madeira, con Finsa e colchóns e outros voluminosos con Cespa.