URBANISMO
Vilagarcía celebra a Semana da Mobilidade no marco das políticas e medidas postas en marcha polo Concello O Concello de Vilagarcía conmemora Semana Europea da Mobilidade cun programa de actividades que se desenvolverán do 16 ao 22 de setembro e que teñen como obxectivo informar e sensibilizar á poboación de todas as idades na necesidade de construír cidades máis humanas, sen coches nas súas rúas e nas que o peón sexa o protagonista das mesmas, debido aos beneficios medoambientais, económicos e de benestar que se acadan con estas medidas. Con esta finalidade, e no marco das políticas e programas postos en marcha polo goberno local nos últimos dous anos na procura destes obxectivos, o Concello organiza esta semana charlas coloquio, unha exposición sobre a bicicleta, un circuíto de educación viaria e o tradicional paseo nocturno en bici.
15.09.2017.- A concelleira de Mobilidade, Paola María Mochales, e o edil de Tráfico, Juan Antonio Pérez Callón, presnetaron o programa da Semana Europea da Mobilidade xunto con Emilio García, representante de Arousa en Bici, colectivo que colabora no desenvolvemento dos eventos.
As actividades comezan o sábado ás 12 do mediodía coa apertura na sala de Conferencias do Auditorio da exposición fotográfica sobre a historia da bicicleta. Esta mostra xa se exhibira hai anos durante outra Semana da Mobilidade, pero decidiuse recuperar debido á que encaixa á perfección nas políticas e nas medidas que está desenvolvendo o Concello para promocionar o uso da bicicleta como transporte alternativo e saudable e que ten como principal recurso o servizo de aluguer de bicicletas VaiBike. As 12.15 dará comezo unha charla coloquio impartida por axentes de Seguridade Viaria da Policía Local de Vilagarcía. A sesión versará sobre os obxectivos xerais da Semana da Mobilidade e máis en concreto sobre a práctica de compartir medios de transporte como medida opara reducir emisión de gases contaminantes á atmosfera, reducir o tráfico de vehículos e as molestias que conleva a súa masificación, e mesmo para aforrar custes. De feito o lema deste ano da Semana Europea da Mobilidade é “Compartir lévache máis lonxe”, filosofía na que Paola María apuntou que encaixa a tarxeta do Vai Bus e VaiBus Plus (ao Hospital) que subvenciona o Concello para promocionar o uso do transporte colectivo na nosa cidade.
Co obxectivo de educar aos nenos e nenas en como deben circular polas rúas de forma segura, ben como peóns, ou como ciclistas, a Policía Local despregará o circuíto de seguridade viaria na Praza da II República (explanada do Auditorio) de luns a venres en horario de 9.30 a 13.30 horas. Xa están concertadas as visitas cos centros educativos do municipio para que o alumnado participe na actividade que se desenvolverá cos novos karts a pedais e tamén visiten a exposición sobre a bicicleta instalada no Auditorio.
A charla coloquio sobre a semana da Mobilidade, as accións que se están a desenvolver no Concello e as normas de seguridade viaria a seguir como peón, condutor de vehículo, acompañante ou como ciclista, chegan o xoves 21 de setembro ás 19:00 horas ao Centro Social da Terceira Idade do Ramal. Os asistentes recibirán un chaleco reflectinte e diploma de asistencia como agasallo.
O venres 22 pola tarde funcionará o Circuíto de Educación Viaria da Policía, esta vez aberto a todo o público que o desexe, en horario de 16.30 a 20 horas. Tamén con ese horario e da man de membros de Arousa en Bici desenvolverase un obradoiro de arranxo de bicicletas onde os asistentes poderán aprender de forma práctica como reparar as principais avarías que pode ter unha bici: pichazo, colocar a cadea reparar freos…
Dado que o 22 de setembro é o Día Mundial sen Coches, o programa da semana da Mobilidade pecharase co tradicional Paseo Nocturno en Bici co obxectivo de demostrar que este medio de transporte alternativo ao coche tamén se pode utilizar de noite. No paseo poden participar persoas sen límite de idade, A ruta partirá as 21 horas da zona do Cavadelo para dirixirse ata Vilaxoán, dar a volta para continuar ata Carril e regreso para rematar no Cavadelo. A Concellería de Mobilidade repartira chalecos reflectintes do VaiBike entre os asistentes.
ACCIÓNS EFECTIVAS DE MOBILIDADE: PEONALIZACIÓNS E APARCAMENTOS
Tras presentar o programa de actos, María Mochales comentou que a Semana da Mobilidade é un evento puntual que se repite cada ano que, no caso de Vilagarcía non se queda en algo meramente simbólico xa que as políticas de Mobilidade que está a desenvolver o goberno o local dende hai dous anos trasladan á realidade esta filosofía europea. A concelleira falou do plan de humanización do centro urbano que continuará coa peonalización da Praza de Galicia, cuxa obra está en licitación, e que seguirá pola Praza da Independencia, proxecto en fase de redacción.
Os cascos tradicionais de Carril e Vilaxoán tamén verán ampliadas as súas rúas peonís a través de actuacións dos fondos FEDER.
Para gañar o centro da cidade para os peóns e eliminar o tráfico de vehículos, como medida complementaria, a concelleira referiuse aos convenios que se están asinando para habilitar bolsas de aparcamento disuasorios ao redor do centro urbano, varios dos cales xa están en uso como os da Escardia, O Piñeiriño, Marxión e Carril, e outros estarano en breve como a Avenida de Cambados, A Torre e Berdón.
MELLORAS DA ACCESIBILIDADE
No que ao apartado de obras se refire e que inciden na mobilidade, Paola María tamén se referiu as accións de mellora da accesibilidade que se levaron xa a cabo, como por exemplo na rúa do asilo e nas dársenas o transporte colectivo do Cavadelo e a zona da Praza da PeixerÍa para garantir que as persoas con problemas de mobilidade ou que se desprazan en cadeira de roda poidan circular sen problema polas beirarrúas, atravesar as rúas e mesmo subir e baixar aos autobuses con plataforma con total normalidade. Outras xa están programadas, como a das travesías de Alexandro Cerecedo, que se acometerán en breve, e actuacións de menor calado pero moi importantes como as que se levará a cabo no acceso ao IES Armando Cotarelo onde hai que mobver unhas prazas de aparcamento para elevará un paso de peóns ata o nivel da beirarrúa e a porta do centro educativo.
TRANSPORTE COLECTIVO E ALTERNATIVO: VAIBUS E VAIBIKE
O Concello tamén opuxo en marcha outras medidas tendentes a mellorar a mobilidade das persoas e reducir o número de vehículos do centro da cidade ven fomentando on uso do transporte colectivo (VaiBus e VaiBus Plus) ou apostando por medios de transporte alternativos como a bicicleta (para o cal se recuperou io VaiBike).
No relativo ao bono bus subvencionado polo Concello (cun custo de 20 euros mensuais para número ilimitado de viaxes) a edil salientou que superou as expectativas máis optimistas do Concello xa que, en pouco máis dun ano en funcionamento xa se conta cun número fixo de 260 usuarios.
Tamén está a ter moi boa acollida o servizo de bus ao Hospital do Salnés, o denominado VaiBus Plus que tamén subvenciona o Concello. Trátase dun servizo que a poboación demandaba dende facía anos e que se puxo en marcha a principios do verán con horario entre as 7.30 e 14 horas. Polo momento, a media de usuarios é de 45 ao día, con picos mínimos de 30 pasaxeiros, e máximos de 60. A previsión é que as cifras melloren a medida que o servizo se vai coñecendo máis e tamén agora que o Hospital incrementará o número de consultas tras a temporada estival na que se reducen.
No que ao servizo de aluguer de bicicletas se refire, o VaiBike, a concelleira comentou que despois dun ano funcionando constatouse a necesidade de continuar estendéndoo a rede polo que xa se están a redactar os pregos para sacar a licitación a mellora e ampliación do servizo coa substitución das vellas estacións por outras máis modernas e a creación de cinco novas que se sumen ás cinco existentes. A idea é que tamén se renoven os modelos de bicicletas e se amplíe o número de vehículos dispoñibles.
ZONA 30 EN VILAGARCÍA E PROXIMAMENTE EN CARRIL E VILAXOÁN
Pola súa banda, o Concelleiro de Tráfico comentou que no que á súa área compete, dentro das políticas de mobilidade levouse a cabo a implantación da Zona 30 en todo o centro urbano da cidade co obxecto de reducir a velocidade de circulación de vehículos nas zonas don centro que non son peonís e, consecuentemente mellorar a seguridade de peóns. Pérez Callón anunciou que nos vindeiros meses, a Zona 30 estenderase aos núcleos de Carril e Vilaxoán.
PATRULLAS DE POLICÍA EN BICICLETA E CARRIL BICI
E como consecuencia a estas políticas de peonalización e fomento do uso da bicicleta como medio de transporte, determinados servizos teñen quen adaptarse as novas condicións polo que a Policía Local porá en marcha en breve as patrullas en bicicleta. Xa se adquiriron catro bicicletas eléctricas homologadas para o servizo e estase á espera de recibir a uniformidade dos axentes para comezar a patrullar polas zonas peonís.
Paola María rematou recoñecendo que “somos conscientes de que a promoción do uso da bicicleta implica dotar a cidade da infraestrutura precisa e neste punto lembrou que xa se fixeron as xestións oportunas ante Costas do estado para continuar o carril bici polo Paseo Marítimo a Carril actuación que foi autorizada pero que financiará o Concello, e está previsto dotar dunha rede de carril bici o centro da cidade, actuación que se incluirá nos proxectos a desenvolver cos fondos europeos FEDER nos próximos 3 anos.