EDUCACIÓN
O Concello elabora un informe técnico sobre as deficiencias do colexio de Carril a petición da ANPA O Concello de Vilagarcía elaborará un informe técnico sobre as deficiencias que presenta o colexio Rosalía de Castro de Carril. Esta medida adóptase despois das denuncias realizadas pola ANPA do centro a que requiriu a mediación do Concello para conseguir que a Consellería atenda as súas reivindicacións. A concelleira de Urbanismo xunto cunha técnico municipal visitaron este mediodía o centro para inspeccionar as instalación.
26.09.2017.- Guiadas polos representantes da asociación de país e nais de alumnos, Paola María e a inspectora de Urbanismo comprobaron que efectivamente o centro presenta importantes deficiencias derivadas da antigüidade das instalación, con máis de 40 anos de vida e uso intensivo . Ademais da necesidade de renovar os baños e substituír as instalación de fontanería, tamén quedou patente a necesidade de renovar toda a carpintería exterior. Pero o que máis chamou a atención foi o estado no que se atopan os falsos teitos de aulas e zonas comúns, con pranchas rotas, soltas e que corren risco de desprenderse.
En espera de que a técnico elabore o seu informe, a simple vista a edil considera que a actuación máis urxente, por motivos obvios de seguridade, é o arranxo dos falsos teitos “porque a ninguén lle gustaría que algunha prancha se desprendese e alcanzara a un alumno ou a un profesor”. En todo caso, a concelleira advertiu que todas as actuacións sinaladas son obras de calado que competen á Consellería de Educación polo que será a alí a onde se remita o informe unha vez redactado. “Non se trata de simple obras de mantemento ou conservación. O centro precisa dunha actuación en profundidade para solventar as carencias e deficiencias ocasionadas pola falta de investimentos durante anos. O Concello cumpre anualmente cos traballos de mantemento e conservación que lle corresponden, polo que a Consellería debería facer o mesmo”.
María recoñece que subsanar todas as deficiencias que presenta o centro representaría un esforzo económico bastante importante para levar a cabo dunha tacada, polo que comprometeuse a que o goberno local fará as xestión oportunas ante a xefatura territorial de Educación para tratar de que, polo menos, a Consellería acometa de forma urxente e a substitución dos falsos teitos e programa un plan de actuación para levar a cabo as demais obras en sucesivas fases.