EDUCACIÓN
O Concello contrata as melloras na seguridade e desaugues do Anexo A Lomba por 4.458 euros O compromiso adquirido polo concelleiro de Educación, Argimiro Serén, cos representantes da ANPA do Anexo A Lomba para tratar de poñer fin á entrada de vándalos ao recinto escolar comezará a materializarse en cuestión de días, unha vez que a empresa contratada para subministrar os materiais, remate de fabricar as pezas a medida necesarias para elevar o portalón de entrada e os peches laterais. Nesta mesma actuación, tamén se arranxarán os problemas da recollida de pluviais da cuberta do patio exterior. O Concello financia integramente as obras que teñen un custe de 4.458 euros.
07.10.2017.- Non se cumpriron aínda dúas semanas dende que o concelleiro de Educación recibiu aos representantes da ANPA do Anexo A Lomba para tratar de buscar solucións á problemática que dende hai meses e de forma reiterada está a padecer o centro, con persoas que entran polas noites no recinto deixando lixo no mesmo e causando estragos no material e nas instalacións.
Dado que a única forma de acceder ao interior do recinto cando o colexio está pechado é saltando o portalón de ferro, tras a inspección por parte do persoal municipal acordouse elevar a altura do mesmo, así como dos peches laterais, co obxecto de impedir a entrada dos vándalos.
O Concello encargou á empresa Construcciones Metálicas Cuevas a fabricación das pezas necesarias para acometer esta actuación, así como o subministro do canalón de recollida de augas do tellado do patio exterior, que está picado. Ademais, colocaranse tres novas baixadas de pluviais para repartir o caudal e evitar que a canaleta superior desborde, como viña acontecendo ata o de agora.