CONCELLO
O Concello renova o convenio para dispor do aparcamento público do hospital ata finais de 2019 Os usuarios do Hospital Comarcal do Salnés poderán continuar utilizando durante dous anos máis o estacionamento público gratuíto habilitado no acceso principal ao centro. O Concello de Vilagarcía renovou o convenio asinado en 2015 cos donos dos terreos, os propietarios de Fundiciones Rey, co obxecto de que o estacionamento puidera seguir prestando servizo público ata decembro de 2019.
21.10.2017.- O acordo chegou despois das conversas mantidas nas últimas semanas entre o alcalde, Alberto Varela, e os representantes da familia Rey que finalmente aceptaron ampliar a duración do convenio dous anos máis sen custe algún para o Concello. Como se sabe, o aparcamento habilitouse en 2015 co obxecto de resolver o problema que supoñía a eliminación do existente nas inmediacións do Hospital e que tiña que ser ocupado para realizar as obras de ampliación do centro. Os propietarios cederon o uso temporal dos terreos de forma gratuíta a cambio do cal Concello e Deputación asumiron os custes das obras de explanación, acondicionamento e mantemento do párking.
As xestións de Varela permiten manter estas condicións á vez que garanten a utilización da principal bolsa de aparcamento público e gratuíto da que dispón o Hospital don Salnés. Son algo máis de 150 prazas.