OBRAS E SERVIZOS
Espina e Delfín executará a mellora do bombeo e a impulsión do saneamento no Sobreiral-Cea A Xunta de Goberno Local acordou na reunión de onte adxudicar a espina e delfín a execución da obra de mellora do bombeo e impulsión de augas residuais e conexión de colector na Rúa Sobreiral, parroquia de Cea. O Concello financia esta nova actuación para a posta a punto da rede municipal de saneamento cun investimento de 70.000 euros co obxectivo de ir renovando o servizo baixo criterios de eficiencia enerxética, adaptalo ás necesidades da poboación e evitar problemas medio ambientais. Neste caso en concreto, a obra mellorará o servizo aos veciños destas zonas e evitará os problemas de verquidos e afloramento de augas residuais que se estaban a rexistrar cada certo tempo. Os traballos, adxudicados por importe de 51.743.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas.
07.09.2017.- A necesidade de levar a cabo esta actuación ven determinada polo desgaste da actual canalización de impulsión, que sofre roturas de maneira continuada dende hai uns anos, provocando verquidos ao río, así como constantes reparacións nos viais. Tamén resulta necesaria a obra para dar continuidade ao colector de saneamento á rúa Sobreiral para a súa efectiva conexión coa rede municipal.
As obras proxectadas comezan na Rúa Parroquia do Vento e discorrerán pola Rúa Curvelas e Rúa Sobreiral, na parroquia de Cea. Os traballos consistirán na instalación dunha nova tubaría de impulsión dende o pozo de bombeo ata a Rúa da Parroquia do Vento seguindo un trazado que salvará unha desnivel de 7 metros. Esta circunstancia provocará que as augas residuais circulen por gravidade, o que diminuirá considerablemente o consumo enerxético das bombas de impulsión. Esta obra combinarase coa construción dun novo colector de saneamento para conectar coa rede existente.
Por outro lado, os traballos permitirán dar continuidade ao colector de saneamento que na actualidade remata Rúa Sobreiral, polo que as augas residuais acaban se acumulándose no último pozo de rexistro, que desborda de forma continuada, coas conseguintes molestias para os veciños da zona.
A actuación prevé ademais a instalación de novas bombas de impulsión e adaptación do pozo de bombeo existente e as correspondentes reposicións de viais.