CONCELLO
O Concello desbloqueará a situación do Balneario da Compostela comprado os terreos baixo o miradoiro Despois de moitos anos e dun longo conflito competencial entre administracións, o Concello de Vilagarcía desbloqueará de forma definitiva a situación do Balneario da Praia de Compostela facéndose coa titularidade dos terreos situados baixo o miradoiro semicircular. As xestións iniciadas polo goberno de Alberto Valera en 2016 acaban de recibir a resposta positiva da Secretaría Xeral do Patrimonio do Ministerio de Facenda, que da o visto bo á enaxenación dos 64 metros cadrados situados no Paseo Marítimo, por importe de 16.380 euros. A compra materializarase tan pronto como se concrete a partida económica dos orzamentos en curso dos que se obterán os fondos.
09.11.2017.- Previamente ao comunicado recibido esta semana en Ravella, Costas do Estado xa aprobara a desafección dos devanditos terreos solicitada polo Concello, paso previo para é enaxenación definitiva dos mesmos. Inicialmente, o Ministerio tiña previsto traspasar a titularidade dos terreos ao Concello mediante unha cesión gratuíta, opción que finalmente se desbotou polas dificultades que entrañaba ao ter que tratar como peza única a efectos de Rexistro da Propiedade e Catastro o balcón e os terreos desafectados, cando o primeiro forma un todo indivisible co resto do edificio do Balneario.
A titularidade desta superficie por parte do Concello permitirá á administración local facer uso do mesmo, pero sobre todo, permitirá actuar sobre o miradoiro, unha estrutura que se atopa en bastante mal estado e que o Concello non puido reparar debido aos impedimentos que poñía Costas que non deixaba actuar na construción por atoparse sobre a zona de afección marítimo terrestre. Esta postura contradicía a que mantiña Patrimonio da Xunta que avogaba pola conservación e restauración da característica estrutura dun edificio catalogado e protexido como é o Balneario.
Coa titularidade definitiva destes terreos, evitaranse os conflitos como o que durante anos impediu a rehabilitación do miradoiro, e permitiría rematar dunha vez por todas a rehabilitación do emblemático balneario.