URBANISMO
As obras da primeira fase do paseo marítimo comezan este luns e durarán tres meses As obras de reforma integral do paseo marítimo de Vilagarcía a Carril, ao longo das praias da Concha, A Compostela e A Covacha, comezan este luns. A primeira fase, do peirao do Ramal ata altura do Balneario e dende Carril ata o lavadoiro existente xunto á antiga fábrica de Fundicións Alemparte, terá unha duración de tres meses. A segunda, o tramo central, entre o lavadoiro e o balneario, se realizará nos primeiros meses de 2018 con cargo ao presuposto do Estado para ese ano, segundo o acordo ao que chegaron a dirección xeral de Costas e o goberno local.
19.11.2017. O venres, a concelleira de Urbanismo, Paola María, supervisou persoalmente as probas de cor e textura do novo pavimento, xunto cos técnicos municipais e da empresa Tragsa, adxudicataria dos traballos. O venres se realizaron tres probas, in situ, no arranque do paseo, onde estaba o palafito recentemente derrubado, e o luns farase unha cuarta proba, neste caso na mesma planta que subministrará o formigón. A vista das catro posibilidades se decidirá finalmente cal é a solución escollida e o método para obtela, ben na propia masa, ben a posteriori, actuando sobre o mesmo solado. En todo caso, o luns os operarios comezarán a retirar os centos de metros cadrados de lousa que ata agora marcan a estética do paseo e que tantos problemas deron a Costas e Concello, polas continuas roturas e consecuentes necesidades de mantemento, e as queixas de moitos usuarios polos pequenos incidentes que provocaban.
Co novo material se evitarán os constantes gastos de mantemento, o que non quere dicir que este non vaia seguir existindo, como os pequenos incidentes de tropezos e caídas. Tamén se mellorará, por iso, a accesibilidade e a mobilidade nun dos lugares preferidos por vilagarciáns e visitantes.
A reforma integral do paseo foi unha das prioridades do goberno que preside Alberto Varela nos seus primeiros meses de mandato. Logo de varias reunións en Madrid e Pontevedra, o rexedor conseguiu por fin o compromiso de Costas para investir preto dun millón de euros nesta obra. Igualmente, Varela conseguiu convencer ao ministerio da posibilidade de ampliar o carril bici dende A Concha ata preto do Carril, neste caso avanzando sobre a area. Para iso, con todo, será necesario, primeiro, rematar a reforma do paseo agora en marcha, e segundo, obter de Costas a desafectación dos terreos necesarios, esa franxa de area pegada ao paseo dende A Concha ata Carril. Se Costas confirma ese permiso, as obras serían realizadas polo Concello cos seus propios fondos.