OBRAS E SERVIZOS
O concello investiu en dous anos preto de 200.000 euros no mantemento e mellora de 29 parques infantís O Concello de Vilagarcía investiu ao longo dos dous últimos anos preto de 200.000 euros no mantemento e mellora dos 29 parques infantís nos que se actuou ata o momento. Despois de anos de esquecemento, o goberno de Alberto Varela decidiu que unha das súas prioridades ía ser a posta a punto destas áreas con tanto uso non só nos cascos urbanos de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán, senón tamén nos distintos lugares e parroquias da zona rural. Así, o plan foi financiado con fondos propios e con axudas da Deputación de Pontevedra e foi executado combinando a labor dunha empresa especializada coa acción dos propios servizos municipais, especialmente dos de Medioambiente, Obras, Xardíns e Electricidade.
31.12.2017. As actuacións, cuxa segunda fase acaba de rematar, consistiron na posta a punto dos elementos xa existentes, reparando as pezas rotas ou deformadas e repintándoas. Igualmente, se instalaron novos xogos adaptados e integradores e se mellorou tanto a iluminación coma as zonas axardinadas, coa plantación de novas árbores e arbustos. Outra das actuacións non menos importante foi a instalación de carteis informativos sobre as características das propias áreas, e as recomendacións de uso e as de seguridade.
Ao longo de 2016 actuouse en 12 áreas: A Laxe, Os Duráns, Trabanca Badiña-A Fonte-, Compostela e Trabanca Sardiñeira, en Vilagarcía; As Pedras, Urbanización A Gaivota, Dona Concha e Faxilde, en Vilaxoán; Castroagudín-Centro Cultural e Castroagudín- Escola Unitaria, en Cea; e Pedroso, en Bamio. Durante 2017 foron 17 as áreas de xogo que integraron o programa de mantemento e mellora: San Roque, Celso Emilio Ferreiro, Santa Ana, Matosinhos, Invisa O Pasto, A Torre, O Preguntorio, Renza, O Rial, Fontecarmoa, Carballeira dos Borrizos, O Sixto, O Souto-Rubiáns, A Igrexa, Pumariño, O Salgueiral e San Xoán-Bamio. Ademáis, neste momento se está a actuar de novo sobre os parques de Carril-Alameda, Carril-Paseo e Dona Concha, en Vilaxoán. Igualmente, está pendente de actuación a reforma da área recreativa de Trabanca Badiña, cun investimento xa aprobado que rolda os 30.000 euros.
A intención do goberno local é seguir apostando por esa vía de atención constante aos parques infantís, posto que a curto e medio prazo sae máis rendible un bo mantemento que a renovación total dun parque despois de deixar que se deteriore.