PATRIMONIO
O plan de recuperación de lavadoiros tradicionais comezará polos de Vilaxoán e Trabanca Badiña O Plan de Recuperación de Lavadoiros Tradicionais promovido polo Concello de Vilagarcía comezará con dúas actuacións a realizar de forma inminente. Serán a restauración dos pilóns públicos de Vilaxoán e Trabanca Badiña, traballos aos que se destinarán 30.000 euros dos fondos provinciais que lle coresponderon a Vilagarcía en 2017. As obras atópanse na última fase do proceso de licitación. Son 8 as empresas que optan a executalos.
02.01.2018.- O Plan de Recuperación de Lavadoiros tradicionais existentes nas parroquias do rural é unha iniciativa nova que ten como obxectivo recuperar e conservar estas construcións típicas da arquitectura popular, seguindo a liña do goberno socialista de preservar o patrimonio local.
Os traballos a realizar nestes dous primeiros lavadoiros nos que se actuará consistirán na restauración das estruturas de cuberta, no cambio do material da cubrición e na reparación de filtracións.
Nos dous casos proponse a substitución do actual material de cubrición, que non é o orixinal xa que inclúe placas de fibrocemento. Dada a presenza de amianto, o proxecto prevé a retirada deste material por parte de empresa autorizada inscrita no RERA para a manipulación e tratamento de refugallos conforme a normativa específica. Conservaranse as estruturas de pendentes actuais, realizando as reparacións necesarias, para dispor sobre elas novas placas de fibrocemento sen amianto e un remate superior de tella cerámica curva, como era tradicional.
No caso concreto do lavadoiro de Trabanca Badiña, que perde auga debido á presenza de fendas que fan avanzar o seu deterioro, procederase a reparación da estanquidade do pilón.
Cómpre lembrar que neste mesmo espazo, o Concello está desenvolvendo unha actuación máis ampla que afecta á zona recreativa e a súa contorna.