CONCELLO
O alcalde recibe aos ecoloxistas de Touro na rolda de entrevistas sobre os plans para reabrir a mina O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a voceira do grupo de goberno, Tania García recibiron esta mañá no Concello aos representantes da asociación Ecoloxista “Aldea Viva” de Touro co obxectivo de escoitar o seu parecer sobre os plan de reabrir a mina de cobre situada neste municipio. Na mesma liña que a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, os ecoloxistas advertiron dos perigos medio ambientais que a vella mina, aínda pechada, está causando aos acuíferos e ríos da zona xa que se está a utilizar como depósito de residuos, e alertaron de que estes danos multiplicaranse en caso de que prosperen os plans para retomar a actividade e multiplicar por 10 a área de explotación mineira.
04.01.2018.- Ante a preocupación xerada entre distintos sectores pola noticia da intención de retomar a actividade mineira en Touro, e o acordo plenario adoptado en apoio dos colectivos que se opoñen á medida, o executivo vilagarciá decidiu manter unha rolda de contactos con colectivos implicados para coñecer as respectivas posturas e facerse con datos obxectivos sobre as repercusións da medida.
O presidente da asociación ecoloxista Aldea de Arriba, Ramón Mata, indicou que a día de hoxe a antiga mina, pese a carecer de actividade dende 1988, utilízase a modo de balsa para depósito de residuos de plantas depuradoras, situación que, segundo explicou, supón un elevado risco de contaminación de acuíferos e leitos fluviais debido á filtracións ao subsolo das substancias depositadas.
O voceiro do colectivo advertiu de que os plans que se pretenden poñer en marcha para retomar a extracción de minerais contemplan multiplicar por 10 a área de explotación inicial, polo que o dano paisaxístico e os riscos media ambientais incrementaríanse de forma alarmante.
No que a Vilagarcía se refire, e igual que xa advertira a Plataforma en Defensa da Ría nunha reunión anterior co grupo de goberno, os ecoloxistas de Touro lembran que a maioría dos regatos da zona desembocan no río Ulla que, a súa vez, desemboca na Ria de Arousa por en Carril, a pé da illa de Cortegada e dos parques de cultivo de marisco.
O alcalde aconsellou á asociación ecoloxista que se poñan en contacto coa Plataforma en Defensa da Ría posto que as súas posturas son similares, a efectos de coordinar as súas liñas de acción e as mobilizacións que teñen previstas.