MEDIO AMBIENTE
O Concello convoca aos colectivos de Carril á presentación do Plan Reitor de Usos de Cortegada O Concello de Vilagarcía acolle mañá ás 10 horas a presentación do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) da Illa de Cortegada, acto ao que foron convocados os sectores produtivos do mar, empresas turísticas, asociacións veciñais e entidades de Carril. A directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Ana Díaz, será a encargada de informar sobre os usos previstos e, de habelos, os cambios respecto á situación actual. O alcalde, Alberto Varela e o concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, asistirán á reunión á que foron convocados a Confraría de Pescadores de Carril, a agrupación de Parquistas, as mariscadoras, a asociación AmarCarril, Albamar, Corticata, a PDRA, o Gato Negro, a asociación de Mulleres Rurais e Rompetimóns.
08.01.2018.- A xuntanza informativa de mañá garda especial interese para os sectores produtivos e as empresas que ofrecen ou pensan ofrecer servizos turísticos relacionados con Cortegada, posto que o PRUX regulará as condicións nas que se poderán realizar estes servizos e mesmo a explotación dos recursos marisqueiros e pesqueiros situados nesta área do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.
Trátase pois, dun documento básico para garantir a conservación de Cortegada como Parque Nacional que debe equilibrarse co mantemento das actividades económicas existentes e as futuras. Por ambas razóns, a xuntanza ten tamén unha gran importancia para o executivo local que, entre outros aspectos, demanda á Xunta de Galicia medios propios para a loita contra o lume exclusivos e emprazados en Cortegada, así como cun Centro de Interpretación. Precisamente, no Pleno de decembro aprobouse por unanimidade unha moción instando á Xunta a atender estas dúas peticións.