CULTURA
O Concello convoca un concurso de fotografía e outro de escaparates con motivo do 54 Certame da Camelia O Concello de Vilagarcía convoca dous concursos, un de fotografía e outro de escaparates, con motivo da 54 Exposición Internacional da Camelia, que este ano se celebrará na praza da Peixería os días 10 e 11 de marzo. O concello, que xunto coa Deputación e o Concello de Vigo, organiza rotatoriamente este certame, ten practicamente pechado o programa de actividades, que se presentará nos vindeiros días. Entre esas actividades atópanse os dous concursos, cuxo prazo de inscrición ábrese esta semana: no caso da fotografía, dende o 5 ao 25 de febreiro, e no dos escaparates, dende o luns 5 de febreiro ata o 8 de marzo.
Obviamente, o obxecto dos dous concursos é a exaltación da camelia como flor das Rías Baixas. Na convocatoria de fotografía hai un primeiro premio de 300 euros e dous accésits de 100; na de escaparates, tres premios de 500, 300 e 200 euros. En todos os casos os galardoados recibirán, ademais, unha invitación dobre para visitar o pazo de Rubiáns.
No concurso de fotografía, os participantes poderán presentar ata tres instantáneas, en formato dixital e tamaño mínimo de 20x30 centímetros a 300 puntos de resolución. Un xurado profesional elixirá as 20 mellores fotografías, que serán expostas na rúa, fronte á praza de Peixería, en gran formato (“mupis” de 1x2 metros) entre os días 7 e 11 de marzo.
Pola súa banda, os participantes no concurso de escaparates deberán ornamentalos con motivos alusivos á camelia, sen ningunha limitación estética, agás a inclusión obrigatoria dalgunha flor natural de camelia en calquera das súas variedades.
As bases dos dous concursos están xa dispoñibles no taboleiro de anuncios da web municipal, http://www.vilagarcia.gal .