OBRAS E SERVIZOS
O goberno dedica a axuda do fondo de compensación ambiental a renovar o pozo de bombeo do Salgueiral O goberno local de Vilagarcía continúa programando obras de mellora na rede de saneamento municipal, unha das principais prioridades en materia medioambietal para o equipo que preside Alberto Varela. Neste marco de actuación, a Xunta Local de Goberno decidiu na súa última reunión dedicar a axuda que lle corresponde a Vilagarcía con cargo ao Fondo de Compensación Medioambiental da Xunta de Galicia a renovar integramente o problemático pozo de bombeo do Salgueiral-Bamio. Investiranse 18.000 euros nesta mellora.
07.02.2018.- O do Salgueiral é o principal bombeo de Bamio, xa que nel conflúen todas as augas residuais derivadas dos restantes 7 bombeos da parroquia, polo que move un caudal moi importante. Este funcionamento intensivo unido á obsoleta instalación (coa excepción dos equipos de bombeos que foron substituídos o ano pasado a través doutra actuación municipal) favorece o desgaste da maquinaria é provoca avarías que nos últimos anos foron repetitivas e que teñen como resultado a saída de augas negras polos aliviadeiros.
A actuación prevista agora pretende poñer fin a esta situación e aos verquidos que xera. Os traballos consistirán no cambio das impulsións, válvula de retención, válvulas de comportas, guías e soportes dos bombeos. Tamén se construirá unha cámara de chaves que non existía e se porá un cadro eléctrico novo dotado de sistema de telexestión. Esta innovación detecta calquera incidencia, avaría, corte de subministro eléctrico ou mal funcionamento do sistema en tempo real e automaticamente emite un aviso de alerta ao teléfono móbil do persoal de garda. Deste xeito será posible resolver calquera incidencia no menor prazo de tempo posible.