CONCELLO
O Concello contrata o proxecto para ensanchar o acceso á Torre na problemática curva da Golpelleira O Concello de Vilagarcía puxo en marcha o procedemento para levar a cabo unha esperara obra na Torre: o ensanche do acceso ao barrio na problemática curva da Golpelleira. A Xunta Local de Goberno acordou encargar a redacción do proxecto básico e de execución da obra ao arquitecto Fernando Puceiro. A actuación, que incidirá notablemente na mellora da seguridade viaria na zona, foi posible grazas ao acordo acadado entre o Concello e os Herdeiros de Enriqueta López Ballesteros que ceden os terreos necesarios para ensanchar a vía. O convenio tamén permitirá habilitar novas bolsas de aparcamento público e de balde na zona a través do aluguer de dúas fincas.
07.02.2018.- O ensanche da rúa pola que se accede á Torre dende Os Duráns é unha actuación moi necesaria que os veciños levaban anos demandando, xa que a estreitura do tramo que dobre sentido dificulta o paso de dous vehículos e a presenza dunha curva sen visibilidade eleva os riscos de colisión. Ademais, os peóns atópanse desprotexidos neste estreito paso posto que non existen beirarrúas e apenas se conta cuns centímetros de arcén.
A concelleira de Urbanismo, Paola María Mochales, iniciou o ano pasado a negociación coa familia propietaria do Pazo da Golpelleira, xestións que frutificaron e que se plasmaron nun convenio xa aprobado pola Xunta Local de Goberno tras acadar a conformidade con todos os herdeiros.
Segundo o acordo, os propietarios ceden ao Concello a franxa de terreos da parcela situada fronte ao pazo para proceder ao retranqueo do murete existente, pero xa axustando o ancho do vial ata os 10 metros que marca o Plan xeral de Ordenación Municipal. Para realizar esta actuación é necesaria a redacción do proxecto no que xa se está traballando e que consistirá na reposición do murete de contención na nova aliñación e na construción dunha beirarrúa que aporte seguridade aos peóns neste conflitivo punto. Tan pronto estea rematado o proxecto, procederase á licitar a obra para a súa inmediata execución.
O convenio inclúe o aluguer por parte do Concello das parcelas que a familia posúe na Avenida López Ballesteros e na Rúa Nova de A Torre co obxecto de dedicalas a aparcamentos públicos. Os terreos, que suman preto de 10.000 cadrados, atópanse nas inmediacións do Pazo da Golpelleira e discorren en paralelo á vía do tren. A propiedade resérvase outros 2.700 metros cadrados para uso privativo como estacionamento para os clientes do pazo. Como contraprestación, o Concello abonará á propiedade un canon de 3.000 euros anuais e comprométese á manter en condicións os terreos alugados. O convenio ten unha validez de tres anos prorrogables.
Esta bolsa de aparcamento dará servizo tanto aos veciños da Torre como dos Duráns e tamén servirá como alternativa a estacionar durante os grandes eventos festivos de verán que se celebran na cidade. A esta hai que sumar os estacionamentos públicos habilitados en Carril, O Piñeiriño e A Escardia a través de convenios xestionados polo actual equipo de goberno cos propietarios destas zonas co obxectivo de ir atallando a problemática de falta de prazas de aparcamento na cidade.