SERVIZOS SOCIAIS
Servizos Sociais porá en marcha este ano a segunda unidade de Educación Familiar Os Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía volverán a implementarse este ano coa posta en marcha da segunda Unidade de Educación Familiar. Seguindo a liña dos dous últimos anos, a concelleira responsable da Área de Benestar, Tania García, anunciou a previsión de contratar a un/ha Educador/a Social máis co obxectivo de continuar avanzando na ampliación de servizos así como na mellora e axilidade na atención aos usuarios.
08.02.2018.- A contratación do novo/a Traballador/a Social para a Unidade de Educación Familiar realizarase a través da bolsa que está en proceso de elaboración por parte do Concello. O salario do profesional financiarano a partes iguais oConcello e a Xunta de Galicia, que no último Plan Concertado aprobou a solicitude de subvención de Ravella para a creación desta segunda unidade, recoñecendo deste xeito á boa labor realizada e ás necesidades dos Servizos Sociais municipais.
A segunda unidade de Educación Familiar permitirá repartir a carga de traballo do programa básico do Servizo de educación e apoio familiar, do que ata o momento se encarga unha soa persoa. Este programa integra o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección, así como promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.
Reforzar a plantilla para axilizar a atención
Como consecuencia do forte incremento de usuarios que rexistraron os Servizos Sociais nos últimos anos a raíz da crise económica e coa idea de poñer en marcha novos programas e prestacións a cidadanía, unha das primeiras tarefas que se marcou García Sanmartín ao facerse cargo da Área de Benestar foi reforzar a plantilla do departamento.
Nos primeiros meses, o reforzo realizouse exclusivamente con contratacións temporais que se cubrían mediante bolsas e subvencións de programas doutras administracións; sistema ao que se segue recorrendo. Logo, no primeiro orzamento elaborado polo actual goberno socialista, creouse unha praza máis de Traballador Social para Servizos Sociais, o que permitiu en outubro de 2016 crear e poñer en marcha a cuarta UTS e reorganizar o servizo co obxectivo de optimizar os recursos e axilizar a atención aos usuarios.
Estas medidas contribuíron a ir reducindo paulatinamente as listas de agarda ata a situación actual na que, a día de hoxe, non hai ningunha persoa en espera para ser atendida. Ademais das melloras introducidas no servizo, a concelleira atribúe boa parte deste resultado ao enorme esforzo e implicación que están a realizar todos os traballadores de Servizos Sociais, aos que agradece a súa labor.