CONCELLO
O Concello adianta os trámites para o arranxo da capela e a mellora da accesibilidade no cemiterio municipal O Concello de Vilagarcía ten previsto arranxar a capela do Cemiterio Municipal de Rubiáns e realizar obras para mellorar a accesibilidade ao camposanto. Co obxecto de ir adiantando trámites e gañar tempo, o goberno local iniciou o procedemento para levar a cabo esta actuación encargando a redacción do proxecto ao estudo Arquitectura Obradoiro Aberto SLP. Unha vez se dispoña do documento, deberá remitirse a Patrimonio da Xunta de Galicia para que autorice a actuación, paso que soe demorarse varios meses.
09.02.2018.- A actuación prevista polo goberno local non se limita á reparación da capela, senón que abrangue outras obras de mellora no cemiterio, especialmente as que se refiren á construción de ramplas e acondicionamento dio chan para mellorar a accesibilidade e tránsito das persoas que visitan as instalacións. No que á capela se refire, a substitución da cuberta para acabar cos problemas de filtracións será a principal obra a acometer.
O propio proxecto que se vai a redactar concretará o importe das obras. De ser moi elevado, os traballos poderían executarse por fases, en función do orzamento dispoñible ben a través de fondos propios como dalgunha liña de subvención.
CONSTRUCIÓN DE NOVOS NICHOS
A obra que si se executará de forma inminente no cemiterio municipal de Rubiáns é a de construción dos novos nichos. O proxecto promovido polo Concello prevé a construción de 80 novos nichos co obxecto de ampliar a oferta e garantir a dispoñibilidade de prazas de enterramento. O novo bloque de nichos comporase de 20 módulos verticais de 4 nichos cada un e emprazarase no fondo oeste do camposanto, pegado ao muro perimetral. A actuación ten un custe de 48.400 euros e un prazo de execución de 2 meses. Esta obra está a piques de adxudicarse. Nove empresas optan a súa execución.