CONCELLO
A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de substitución da cuberta de preferente da Lomba A Xunta Local de Goberno aprobou na reunión celebrada esta mañá o proxecto para a substitución da cuberta da grada de preferente do campo municipal de Fútbol de A Lomba. A actuación está presupostada en 181.442 euros que o Concello financiará a través dos fondos do Plan Concellos da Deputación correspondentes aos exercicios 2018/19. Por esta razón, o documento será remitido ao organismo provincial para proceda a súa autorización, trámite obrigatorio antes de sacar a licitación os traballos.
12.02.2018.- O proxecto redactado polo Arquitecto Municipal, Juan José Rodríguez Cuiña, non se limita á substitución da cuberta propiamente dita, senón que tamén prevé actuar na estrutura e piares que soportan a mesma, eliminando óxidos, saneándoos por completo e reforzándoos. No que a cuberta se refire, esta desmontarase seguindo os procedementos establecidos pola lexislación vixente ao tratarse de materiais que conteñen amianto. Tras a súa desmontaxe e xestión a cargo de empresa autorizada, instalarase a nova cuberta de paneis de chapa grecada.
A xeometría e características construtivas da nova cuberta serán similares á da grada principal ou de tribuna, que se reformou por completo no ano 2004. A actuación tamén prevé a instalación de pasamáns e varandas protectoras nas zonas de escaleiras.
O prazo de execución da obra é de 3 meses.
Terreos para a segunda piscina e nova herba artificial para o campo de Vilaxoán
O goberno local de Vilagarcía decidiu este ano destinar os fondos do Plan Concellos da Deputación a obras de mellora e mantemento de varias infraestruturas deportivas do municipio, comezando polas de carácter máis urxente. Ademais da necesaria substitución da cuberta da grada da Lomba, tamén se levará a cao a renovación do tepe artificial do campo municipal de fútbol e se poñen en marcha os trámites para a futura construción dun segundo vaso na piscina municipal en Fontecarmoa xa que as actuais instalacións son insuficientes para acoller cantidade de usuarios cos que conta e que impiden unha óptima práctica da natación. Para ir avanzando neste ambicioso proxecto, con cargo aos fondos provinciais financiarase a adquisición dos terreos necesarios para construír este segundo vaso. Trátase de algo máis de 3.700 metros cadrados situados a carón das actuais instalacións, ás cales se uniría a través dun túnel. O custe da adquisición ascende a 140.000 euros.
A redacción do proxecto, valorada en 60.000 euros, e a obra propiamente dita, cuxo custe se estima en 1,3 millóns de euros, financiaranse con cargo aos fondos FEDER. O custe total da segunda piscina (terreos, proxecto e obra) ascende a 1,5 millóns de euros.