1. ASI E VILAGARCIA
 4 así é Vilagarcía
 4 evolución histórica

 

postal



 

 evolución histórica

Achegarse ó onte e hoxe de Vilagarcía de Arousa esixe unha aproximación previa a dúas realidades xeográficas distintas pero complementarias: o Val do Salnés e a Ría de Arousa.

Vilagarcía atópase situada, en primeiro término, na cabeceira Norte do Salnés, unha comarca natural dunhas características que foron celebradas dende os tempos máis antigos pola fertilidade das súas terras e a bondade do seu clima. Pero Vilagarcía é, ante todo, sinónimo de Arousa. E Arousa é a maior e a máis fermosa das Rías Galegas.

Non é estraño, polo tanto, que esta privilexiada porción do litoral galaico estivese habitada dende épocas moi remotas. As figuras de cervos, cazoletas e círculos dos petroglifos dos Ballotes e Meadelo, ambos na parroquia de Bamio, datables arredor do segundo milenio a.C., son algúns dos vestixios máis antigos de hábitat nesta zona.

Os castros de Alobre, Carril, Agudín e Lobeira; o achado nestes recintos de moedas e olería romanas; as moedas visigóticas do cemiterio de Vilaxoán... evocan un poboamento continuado do municipio vilagarcián.

O primeiro documento que se refire a estas terras data do ano 912, cando o bispo Sisnando cédeas ó poderoso Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago. Durante séculos, os monxes exerceron o seu dominio sobre a antiga Arealonga, ata que no século XIV unha familia de fidalgos, os Caamaño, asentou en Rubiáns (hoxe parroquia de Vilagarcía). Unhas veces aliados co Arcebispo, outras co Rei, e sempre con vantaxosos enlaces matrimoniais por medio, os Caamaño fixéronse co dominio da próspera Arealonga para fundar, a mediados do século XV, o porto e vila de Vilagarcía.

O século XVII foi un momento de esplendor, con Fernando de Andrade e Soutomaior, descendente dos fundadores e arcebispo de Compostela, como figura máis relevante. No XVIII, os Mendoza e Soutomaior lograron o Marquesado e ó pouco tempo, un mercado franco, que aínda que hoxe se segue celebrando.

O XIX foi o século da consolidación de Vilagarcía como porto e vila cabeceira do Salnés. A cidade foi a primeira en levantarse contra os franceses, o 12 de maio de 1808, sendo por iso duramente reprimida. Isto obrigou á súa reconstrucción e a mirar ó porto como motor do seu futuro.

En 1873, Vilagarcía converteuse na estación término do primeiro ferrocarril de Galicia (Santiago-Carril). O seu carácter de “porto natural de Compostela” marcou dende entón o seu carácter aberto e cosmopolita, e por iso non é estraño que en Vilagarcía se sitúe a primeira referencia documental sobre a chegada do fútbol a España.

En 1907, a puxante Vilagarcía converteuse nunha referencia para Galicia, trala cesión da illa de Cortegada ó rei Alfonso XIII para que nela construíse un pazo real de verán. Seis anos despois, en 1913, os entón concellos independentes de Carril, Vilaxoán e Vilagarcía uníronse para forma-la actual Vilagarcía de Arousa, unha cidade aberta e mestiza, que lidera unha das comarcas con maior proxección de Galicia.