3. COMO DESPRAZARSE
 4 como desprazarse
 4 taxis
 4 vehículos de aluguer
 4 ferrocarril
 4 autobuses

 

postal



 

 como desprazarse

Debido á súa elevada densidade de poboación, a comarca dispón dunha tupida rede de camiños e estradas secundarias. Aínda que isto ten a vantaxe de que facilita as comunicacións e as relacións entre os distintos concellos da comarca, desconxestionando o tráfico nas vías principais, tamén presenta o inconveniente de que pode confundir ós visitantes. Por iso, o viaxeiro ha de ter presente cal son as principais vías de comunicación do Salnés.

A máis importante é a C-550, dende a cal, partindo de Vilagarcía, chégase ós municipios de Vilanova, Illa de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove e Sanxenxo.

Outra vía básica no entramado de estradas da comarca é a C-531, que enlaza Vilagarcía con Pontevedra, pasando por Baión (Vilanova) e Meis; a través desta estrada, á altura do Concello de Barro, pódese acceder á Vía Rápida do Salnés.

Esta é outra das infraestructuras básicas do Salnés: dende o municipio de Barro, e pasando por Meis, Ribadumia, Cambados e Meaño, chega ata Sanxenxo e O Grove, con saídas en cada un dos municipios citados.

Outras vías menos importantes, pero que resulta útil coñecer, son a estrada provincial de Cambados a Nogueira (Meis) que conclúe en Barro -onde como xa se dixo, existen enlaces coa C-531, a A-9 e a Vía Rápida-; e a de Noalla a Caldas, que polo interior da comarca atravesa Meaño, Ribadumia e Meis para conectar coa C-531.

Outra boa opción para moverse polo interior do Salnés evitando as estradas principais é a PO-301, que pasando pola faldra do monte Lobeira, leva dende Vilagarcía a Pontearnelas, e desemboca na PO-300.

En canto ás comunicacións dentro da propia Vilagarcía, a C-550 é a vía máis importante, xa que cruza o municipio dende Carril a Vilaxoán atravesando parte do casco urbano. Pero hai outras vías secundarias: a estrada de beiramar entre Vilagarcía e Vilaxoán, para acceder a este núcleo evitando o tráfico da avenida de Cambados; a PO-301, que atravesa a parroquia de Cornazo e conduce ó Miradoiro do monte Lobeira; e a vella estrada a Caldas que, a través do Pousadoiro, permite acceder ó monte Xiabre e á área recreativa de Fontefría e que conduce ó enlace en Caldas coa autopista A-9.