9. DE COMPRAS
 4 o mercado e a praza
 4 a zona comercial

 

postal



 

 o mercado e a praza

  
Vilagarcía, cos seus case 35.000 habitantes e na súa calidade de núcleo máis importante da comarca, presenta unha gran oferta comercial, a terceira da provincia tras Vigo e Pontevedra. Comeza-la xornada comprando productos frescos na praza, dar unha volta buscando “gangas” no mercadiño, visitar comercios tradicionais ou tendas de grandes cadeas internacionais e termina-la xornada paseando por un centro comercial son algunhas das opcións que se presentan ó viaxeiro para comprar en Vilagarcía.

O mercadiño da localidade celébrase os martes e os sábados, salvo que sexan festivos, pasando neste caso ó día anterior. Os postos instálanse no tramo urbano comprendido entre as rúas Alexandre Bóveda e a praza Martín Gómez Abal, pasando pola Avenida da Mariña, Doutor Carús e varias rúas do O Castro. Trátase do mercadiño máis importante da comarca, o máis concorrido e tamén o máis antigo: o dos martes ten as súas orixes no século XVII e dende entón se vén celebrando ininterrompidamente.

No mercado de Vilagarcía poden encontrarse productos a prezos moi vantaxosos e para tódolos gustos. Os máis abundantes son os textiles e calzado, pero tamén hai menaxe do fogar, plantas e flores, artigos de mercería e decoración.

A praza de abastos abre de luns a sábado pola mañá; os venres pola tarde tamén abren as súas portas ó público algúns establecementos. As instalacións son modernas e moi amplas: dispón dunha parte central dedicada á venda de froitas e verduras cultivadas polas propias vendedoras; froiterías e carnicerías a ambos lados; postos de queixo, pan e ovos na parte superior; e unha magnífica praza de pescados e mariscos frescos da ría nun dos seus estremos.

Ademais da praza de Vilagarcía, que se atopa na rúa Alexandre Bóveda, existen outras dúas no Carril e Vilaxoán. A primeira está na Alameda e a segunda, no peirao.